O BNG denuncia o ‘’espolio’’ do PP ás familias a través da ‘’explotación’’ laboral e o ‘’saqueo’’ fiscal

O portavoz nacional da fronte nacionalista, Xavier Vence, afirma que estamos ante ‘’un atraco sistemático da poboación por parte do PP en beneficio dunha minoría, asistimos a unha auténtica transfusión de sangue desde a maioría social aos oligopolios bancario, eléctrico e as concesionarias’’.

Carme Adán e Xavier Vence
photo_camera Carme Adán e Xavier Vence

As familias galegas están a ser obxecto dun “auténtico espolio planificado” polo cal se está a aplicar unha ideoloxía na que se desmantela o modelo de Benestar á par que se produce unha “transfusión de sangue” na que se esquilma á maioría da cidadanía en beneficio dos oligopolios. Eis a reflexión que deitou o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, sobre a situación social e económica de Galiza.

“Asistimos a un atraco sistemático da poboación por parte do PP en beneficio dunha minoría”

Vance lembra que á vez que se incrementa a luz, a auga, a recollida do lixo, suben os carburantes, imponse o copagamento ou o IVE; hai unha caída dos soldos, o goberno español conxela o salario mínimo, as pensións peden poder adquisitivo.. “Non se trata de medidas illadas, senón dun auténtico espolio das familias en base a unha planificada estratexia do PP” afirma o portavoz nacionalista.

“Atraco sistemático”

“Asistimos a un atraco sistemático da poboación por parte do PP en beneficio dunha minoría”, denuncia Vence. Para o dirixente nacionalista estamos ante unha transferencia de recursos desde a maioría social aos lobbies económicos a través dunha triple explotación: “explotación laboral pola vía das baixas salariais, explotación fiscal pola vía dos impostos regresivos e explotación como consumidores pola vía da subida do prezo de todos os servizos básicos para a cidadanía”.

O incremento da luz non só grava ás rendas familiares senón tamén as empresas, “restándolle capacidade de competir e polo tanto actúa como freo da recuperación económica

Pobreza enerxética.

Neste sentido, o BNG fixo especial fincapé no incremento da factura da luz que, segundo explicou a portavoz parlamentar de Industria, Carme Adán, pasou de 48 a 80 euros mensuais en apenas seis anos, “o que converte un servizo básico nun artigo de luxo, todo a maior gloria das grandes empresas hidroeléctricas cuxos beneficios non paran de subir”.

En catro anos duplicouse a cifra de fogares aos que se lles cortou a luz dando lugar a unha nova realidade social que coñecemos como “pobreza enerxética”, razón pola o BNG presentou unha serie de iniciativas no Parlamento na que se demanda á Xunta a paralización da subida da luz e medidas para evitar o corte deste servizo en inverno, como xa fixeron Catalunya, Francia ou Alemaña.

Vence pregunta ao PP por que reduce escanos no Parlamento galego e non nos 106 deputados provinciais das deputacións "que non son elexidos pola xente" 

Adán advertiu que o incremento da luz non só grava ás rendas familiares senón tamén as empresas, “restándolle capacidade de competir e polo tanto actúa como freo da recuperación económica, de aí a demanda dunha “tarifa eléctrica galega” acorde coa nosa condición de país produtor excedentario de enerxía eléctrica, explicou.

Recorte en democracia

A respeito do proxecto do Partido Popular de reducir o número de escanos do parlamento galego de 75 a 61 xustificándoo na necesidade de aforrar, Xavier Vence preguntou por que non adoptaban esta medida nos deputados provinciais. "Son 106 entre as catro deputacións. Non son elexidos direcamente pola poboación. Mais aí o PP non recorta, porque defende esas institucións".

Comentarios