O BNG empraza a dirección socialista a desautorizar o acordo co PP na Deputación de Lugo

A Executiva Nacional do Bloque considera que o pacto para os orzamentos dos socialistas cos populares “de costas aos socios” nacionalistas supón rachar o goberno provincial.

Deputacion de Lugo

Estaríamos ante a ruptura de facto do goberno de coligazón na deputación provincial. Así o manifestou Goretti Sanmartin nunha comparecencia de imprensa, trasladando o sentir da Executiva Nacional do BNG. “É algo desleal e que non ten explicación”, manifestou, para a seguir emprazar a dirección nacional do PSdeG a que “desautorice” a actuación dos socialistas na Deputación lucense. Un proceder, explicou Sanmartín, que vai contra o acordo marco acadado entre nacionalistas e socialistas para a gobernanza das deputacións de Lugo, Coruña e Pontevedra “facendo políticas diferentes”.

Así pois é o PSOE quen ten agora que “mover ficha”, en palabras de Sanmartín, que cualificou o acordo na entidade provincial lucense como un “ensaio de gran coligazón” entre socialistas e populares. O pacto para aprobar os orzamentos supón, pois, a “imposibilidade de traballar nun goberno conxunto” na Deputación. É a dirección do PSdeG quen debe tomar cartas para reconducir a situación, sinala.

Eleccións

A Executiva Nacional tamén fixo unha valoración das eleccións xerais que decorreron este domingo, recoñecendo que os resultados son “malos” e non se pode “estar satisfeito” con eles. O BNG afirma que intentou “galeguizar” a campaña e centrala en “propostas concretas para a realidade galega” mais a situación na que decorreron estes comicios fíxoa especialmente complicada ao ser vistos como unhas presidencias entre catro partidos.

Goretti Sanmartín dixo que un dos obxectivos do BNG nesta campaña era “transmitir a necesidade dunha alternativa nacionalista, dun proxecto político propio”. Pasado o 26X agora os esforzos e liña de traballo están postos nas eleccións galegas, uns comicios para os que “temos as mans abertas a todos os nacionalistas que queiran traballar” para derrotar o PP e facer outra política. 

Comentarios