O BNG empraza En Marea a que concrete “con seriedade e rigor” cal é a proposta de diálogo

A Executiva Nacional do Bloque responde formalmente a proposta feita pola coligazón a pasada fin de semana.

CN BNG2
photo_camera CN BNG2

A Executiva do BNG remitiu esta cuarta feita a súa resposta á oferta feita esta fin de semana desde En Marea e avanzada por Carolina Bescansa de propor unha "mesa polo cambio político" a PSdeG e nacionalistas. Na súa resposta, o BNG empraza, “desde a cordialidade”, a explicar “con seriedade e rigor” cal é a proposta concreta feita por En Marea, para alén dos motivos da “urxencia dos prazos para esta convocatoria -que coñecemos a través dos medios de comunicación-, xusto en período preelectoral”.

Os nacionalistas lembran que na Asemblea Nacional que decorreu a finais de febreiro a militancia aprobou unha resolución na que manifestaba “a disposición ao diálogo co resto das forzas políticas para facer posíbeis acordos postelectorais que posibiliten un cambio de goberno e a aplicación dun programa transformador que abra unha nova etapa no noso país”. Nesta liña, a Executiva asegura a En Marea que pode ter “a certeza” de que o BNG, “como sempre fixo”, conxugará a vontade de achegar a un goberno alternativo ao do PP coa defensa dos intereses e necesidades do pobo galego.

“Urxe un cambio real”

A crise foi unha oportunidade para unha recentralización territorial e económica do Estado español, o que non fixo senón “agudizar” as consecuencias da mesma. E esta situación deuse ao tempo que hai un “inmobilismo das forzas estatais á hora de asumir que unha democratización real do estado pasa polo recoñecemento de dereitos políticos ás nación sen estado como Galiza”. Un inmobilismo que o BNG ve “con preocupación”. “Urxe un cambio real”, manifesta a Executiva, que defende “unha unidade popular que se constrúa sobre a base da existencia do pobo galego”.

Hai dous retos electorais importantes na axen da de 2016: as eleccións xerais e as galegas. Unhas citas que se afrontan sabendo, sinalan na resposta remitida a En Marea, que hai moitos galegos “decepcionados” perante o “fracaso” de non despexar o PP do Goberno e ante a falta de “propostas e alternativas que situasen a Galiza cunha voz propia, sen dependencias das estratexias de forzas políticas de ámbito estatal”. Conscientes de que neses procesos electorais non darán en maiorías absolutas, faise necesario chegar a acordos, concretiza o Bloque. Algo que a propia militancia na AN explicitou.

Comentarios