BNG pide á Xunta a inclusión do Día de Rosalía no calendario escolar

Novo evento do BNG -esta semana a formación frontista xa fixera unha fotografía conmemorativa no Parlamento- con motivo do 180 aniversario da poeta nacional. A forza soberanista realizou esta sexta feira un acto na praza de Vigo de Compostela, ben pertiño da casa na que morou a fundadora da literatura galega.

HomenaxeRosalía3

O BNG fixo unha proposta concreta neste acto, unha demanda dirixida á Xunta da Galiza, a da inclusión do Día de Rosalía no calendario de conmemoracións do curso escolar.

"Non podemos entender que no calendario escolar apareza o día dos direitos dos consumidores e o Partido Popular negue incluír o Día de Rosalía con entidade e solvencia e destinado a un maior coñecimento da nosa poeta", afirmou nun encontro coa imprensa a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón.

Pontón instou tamén a Xunta a que teña "un maior compromiso" coa "divulgación, coñecimento e actualización da obra de Rosalía" e criticou, máis unha vez, que o goberno galego non ten o menor interese en conseguir a restitución do Panteón de Galegos Ilustres, actualmente en mans da Igrexa católica, ao seu estado orixinario como "símbolo da Galiza, laico e de uso civil".

Comentarios