Bases Programáticas

O BNG reivindica a ilusión e propón un 'plan de choque' para cambiar a Galiza “en situación de emerxencia” que deixa o PP

Os nacionalistas presentaron en Compostela as liñas básicas dun programa no que apostan por un outro país diferente ao que fica após sete anos de gobernos de Núñez Feijóo. “Galiza necesita un proxecto de país, non un corta e pega de Ferraz, Génova ou da Complutense “, dixo a portavoz nacional, Ana Pontón.

PONTON E CANDIDATAS PRESENTAN PROGRAMA...

Hai unha Galiza, a que deixa en “situación crítica” o PP de Núñez Feijóo após sete anos de goberno, e hai outra Galiza, “a que queremos”, afirma o BNG, que é ben diferente ao país “nunha situación de emerxencia nacional e social” tras dúas lexislaturas dos populares. Os nacionalistas presentaron este sábabo na capital galega as Bases Programáticas para Galiza, as liñas e propostas chaves para reverter a actual situación. Unha presentación a cargo da portavoz nacional e candidata, Ana Pontón, e dos candidatos polas outras circunscricións: Luis Bará, Noa Presas e Olalla Rodil, e o número 2 pola Coruña, Xosé L. Rivera 'Mini'. Un total de 33 medidas que constitúen un auténtico “plan de choque” para que Galiza deixe atrás a “desfeita” de sete anos de goberno de Feijóo.

Dez son os puntos básicos sobre os que se debruza o BNG, centrados no emprego, nos dereitos e servizos sociais, na democracia e participación e noutro modelo de territorio e infraestruturas. Tecidos coa chave de bóveda de defender o dereito “a decidir nós sobre o noso”. Fronte ao desemprego, emigración, despoboamento... Pontón ten claro que a receita non pasar por “un corta e pega de Ferraz, Génova ou da Complutense” mais por un “proxecto de país”.

“Un goberno galego”

Tomaron a palabra 'Mini' para defender o sector leiteiro galego e Noa Presas, que reivindicou “unha Galiza de dignidade” fronte a aqueles que non son quen de ofertar máis que “unha Galiza de supervivencia”. Luis Bará dixo que o BNG fará da Xunta “un verdadeiro goberno galego” e non unha simple “delegación do goberno español en Galiza”. Olalla Rodil incidiu nos compromisos e traballo do nacionalismo en eidos como a igualdade, enfatizando a necesidade de que as institucións combatan a violencia machista con o mesmo compromiso co que o nacionalismo o fai nas rúas.

Para a portavoz nacional, Ana Pontón, Feijóo é un presidente “tóxico” para Galiza, cun proxecto que nada ten a achegar ao país. “Os vaivéns de Feijóo delatan o pouco peso que ten a palabra dun presidente que xa anunciara que as eleccións ían ser entorno ao 20 de outubro, emprazámolo a que deixe de especular sobre as eleccións porque pensamos que non é de recibo que o día que imos votar en Galiza se decida en Euskadi ou que a data estea condicionada pol trama Gürtel”.

“Temos valentía e capacidade”, dixo Pontón, que situou as propostas do BNG como a alternativa que Galiza precisa, a antítese a sete anos de gobernos do PP. 

Comentarios