Bugallo deixa o cargo na dirección provincial e afonda nas crises internas do PSOE

O antigo alcalde de Compostela únese ao grupo maioritario que co apoio da Executiva galega e estatal busca a marcha de Francisco Caamaño da secretaria provincial da Coruña, nunha nova mostra das leas internas d@s socialistas.

Sánchez Bugallo, PSdeG A Coruña
photo_camera Sánchez Bugallo, PSdeG A Coruña

Non levanta cabeza, nin no ideolóxico, nin no interno. A crise do PSOE e da súa delegación galega continúa. Agora, o ex-alcalde e secretario xeral do PSOE de Santiago, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, renunciou ao seu posto na executiva socialista da provincia da Coruña, liderada polo ex-ministro de Xustiza, Francisco Caamaño, segundo informou Europa Press.

O antigo rexedor deixou o seu cargo orgánico sen desvelar os motivos concretos que motivaron a decisión, pero é obvio que a hostilidade existente entre a dirección provincial de Caamaño e a galega e estatal están detrás da decisión, que entra dentro duns movementos que mesmo comezan a apuntar a unha destitución do ex-ministro de Zapatero forzada desde Ferraz.

As supostas afiliacións masivas en Santiago e A Coruña para asegurar o resultado das primarias aparecen no mar de fondo que sacode ao PSdeG

Caamaño realizou unhas declaracións, hai mes e medio, contra a Executiva dos socialistas galegos que lidera Gómez Besteiro dentro dun enfrontamento motivado polas primarias, onde gañou Pedro Sánchez co apoio da dirección galega, só rexeitada polo pequeño grupo de Caamaño e o máis numeroso pero limitado territorialmente, de Pachi Vázquez en Ourense..

Así mesmo, durante o mes de xuño, filtrouse aos medios de comunicación a existencia de afiliacións masivas na agrupación de Santiago para controlar dentro do posíbel o resultado das primarias municipais de outono, movemento que seica volveu repetirse na cidade na Coruña e da que a oposición interna sempre culpa ao “aparato do partido”.