ANÁLISE DO TABOLEIRO

Cambio de estratexia na Moncloa: Rajoy fía todas as súas bazas ao discurso económico

Arriola, o gurú dos conservadores, acredita que neste momento o dossier españolista fronte ao “desafío independentista” xa non dá máis de si.

Durante meses, o PP acreditou que a súa principal baza para remontar uns inquéritos adversos -algún dos que se teñen publicado sitúa este partido como terceira forza- era pór o centro de gravidade do seu discurso político na defensa da unidade de España fronte á causa independentista. Mais, ben porque Rajoy non sexa Aznar (hai quen lle reprocha escaso ardor patriótico), ben porque neste momento a preocupación sobre a economía é o monotema nas mentes das cidadás e dos cidadáns, o PP viuse obrigado a mudar de libreto, ante a evidencia de que se envolver na bandeira roja y gualda non bastaba para frear a súa queda libre demoscópica.

O inimigo exterior non funciona cando a economía vai non mal, senón pior. As cifras de paro, de desempregados sen ningún tipo de prestación, as estatísticas de exclusión social, o incremento gallopante das desigualdades, son o día a día de millóns de persoas no Estado español. A ese público hoxe é difícil engaiolalo coa cruzada anti-Artur Mas. Aliás, en Catalunya é perceptíbel tamén certa baixada de tensión no souffle independentista, normal despois do subidón de adrenalina do 9N, normal agora que o centro do cenario non o ocupa o debate de se votaremos si ou non (votouse e a participación superou as expectativas), senón o debate de se hai lista soberanista de país ou se cada quen termará do seu.

Visto o visto, o analista de cabeceira da Moncloa deduciu que se impuña un cambio de estratexia. Estamos a escasos días de inaugurar un ano duplamente eleitoral, 2015, coas eleccións municipais de maio e as xerais de novembro, así que toca vender optimismo, co derrotismo non se vai a ningures. Niso Arriola bebe nas mesmas fontes que Pablo Iglesias, o líder de Podemos que poucos meses despois de a súa formación se estrear cun 8% dos votos nas eleccións europeas xa formulaba como obxectivo gañar as eleccións xerais, é dicer, ser primeira forza.

Neste momento non se albisca ningún rival interno para Rajoy. Soraya?? Nen os sorayos [así se chaman a eles propios] máis fanáticos acreditan nesa opción

A Rajoy os seus detractores deóstano por ser en teoría indolente. No seu recente traballo Código Mariano, o politólogo Antón Losada desmitifica ese tópico e apresenta o líder do PP como un político frío, calculador e, sobre todo, paciente, capaz de agardar o momento oportuno para, sen que se note, mais co instinto killer dun depredador, irse desfacendo dos seus rivais internos, desde Gallardón até Monago. Estes días, antes de se lanzar pola pendente do negacionismo da crise, Rajoy deslizou que estaría disposto a liderar outra volta a candidatura do PP a Moncloa se o seu partido así o quixer. Sabe Rajoy que nun partido de tradición caudillista a vontade do partido e a vontade do líder son xemelgas, perfeitamente intercambiábeis, así que Mariano veu dicer que se presentaría as eleccións se Rajoy así o quixer. Neste momento non se albisca ningún rival interno. Soraya?? Nen os sorayos [así se chaman a eles propios] máis fanáticos acreditan nesa opción, entre outras cousas porque a vicepresidenta ten cero apoios no partido, e con cero apoios no partido non es ninguén, no PP e en calquer outro, e se alguén ten dúbidas sobre iso que pense no ostracismo de Gallardón. Feijóo? Feijóo está amortizado politicamente en Madrid, por moita blindaxe mediática que teña na Galiza. As súas amizades perigosas, o narcotraficante, o conseguidor, pulverizaron o seu carreirismo madrileñista. Feijóo non ten futuro en España, así que toda a súa perspectiva será recuncar na Galiza, Rueda terá que facer moitos quilómetros aínda de copiloto.

En definitiva, nas próximas semanas, Rajoy esticará o chicle da recuperación porque non ten outro material que vender. A imprensa amiga botará un cabo. Sufrirémolo.

Comentarios