Carmen Santos (Podemos) di de Beiras que "foi moi xeneroso nas súas concesións"

A secretaria xeral de Podemos na Galiza, Carmen Santos, defendeu na mañá do domingo a estrutura centralista da formación morada e asegurou puxo por riba do grupo propio a necesidade de “ter goberno”. Tamén sinalou que Beiras foi “moi xeneroso nas súas concesións”.

[Imaxe: Twitter] Carmen Santos
photo_camera [Imaxe: Twitter] Carmen Santos

Nunha entrevista concedida a Radio Galicia-Cadena Ser, a secretaria xeral de Podemos na Galiza recoñeceu que Xosé Manuel Beiras, portavoz nacional de Anova, recoñeceu que os partidos que forman parte de En Marea tiveron que ceder. Dixo de Beiras que “foi moi xeneroso tamén nas súas concesións" e engadiu, "da mesma maneira que creo que foi Podemos". "Entón en algún momento todos temos certo disgusto porque non somos o mesmo partido político", salientou. 

Neste contexto, admitiu “pequenas discrepancias lóxicas” entre os socios da coligazón, mais enviou unha mensaxe de normalidade, “se non discrepásemos seríamos dun mesmo partido. Non tería sentido sermos idénticos”. Salientou que “o obxectivo común prima sobre os pequenos matices”. “Temos un proxecto común para resgatar a cidadanía e esa é a prioridade tamén para Beiras, que é unha persoa sensata e ten unha traxectoria impecábel e iso esta por riba de todos os matices”, engadiu.

Grupo parlamentar

Preguntada sobre o debate do grupo parlamentar de En Marea afirmou: “seguimos insistindo no mesmo... repetímolo moitas veces, vai depender de que teñamos maioría na Mesa do Congreso Podemos e as confluencias. Iso vai condicionar o grupo parlamentar e nós estamos nesa liña de traballar para obter a maioría social para facer os cambios que necesita o país [polo Estado] e Galiza”.

Após insistir a xornalista coa pregunta en relación ao grupo parlamentar, Carmen Santos engadiu: “a cidadanía, e aínda que todos cremos que é superimportante o grupo parlamentar, o importante é ter Goberno e proxectos nos distintos territorios que apoien ese Goberno que faga políticas sociais e limpe todos os corruptos”.

"Non ten nada malo un partido con estrutura semellante á do PSdeG e ao PP"

A respeito da estrutura centralista de Podemos, a secretaria xeral do partido na Galiza apuntou que “non ten nada de malo un partido que é un pouco estrutura semellante á do PSdeG e ao PP, que ten un marco competencial e unha autonomía con certos comicios, como poden ser as eleccións xerais, e hai estruturas territoriais como Podemos Galiza, con autonomía para ter unha estratexia nos comicios galegos”.

Sobre o candidato ou candidata, Carmen Santos afirmou que Beiras “é un político excepcional e se do proceso fose o elixido pois sería apoiado por por todos”. Respondeu que a ela lle gustaría, “non tería ningún problema, é un político impecábel, fantástico e cunha traxectoria que ninguén pode discutir, pero non se trata do que me gusta a min, senón do conxunto das persoas”. En realidade a xornalista preguntáballe se se vía ela propia como candidata, “eu creo que xa amosei que eu estou aquí para facer o papel que a maioría determine e se pensa que son a persoa axeitada para facer esa política mellor para Galiza pois faría esa aposta, aínda que sexa un sacrificio persoal moi grande.

Satisfeita pola elección de Leiceaga

Por último, sobre a elección de Xaquín Fernández Leiceaga como candidato do PSdeG á Xunta declarouse “satisfeita” de que “haxa xiros dentro do PSOE. Desexou que Leiceaga “poida manterse firme e non lle pase como a Pedro Sánchez, ao que a parte máis rancia do partido non lle deixa gobernar dentro do seu partido”. Así, cualificou de “boa noticia” que “unha corrente máis progresista dentro do PSOE sexa o que lidere o proxecto galego” e sinalou que lle resultaba “sumamente preocupante” oír “varóns socialistas do aparato”.

Comentarios