Causa Galiza vén de se dirixir a máis dunha vintena de organizacións políticas, sindicais e xuvenís para convidalos a manter unha xuntanza na que valorar a convocatoria dunha manifestación unitaria no Día da Patria Galega, unha mobilización que decorrería, indican, en chave “de ruptura democrática e independencia”.
O comité executivo de CG entende que Galiza padece unha situación de “emerxencia nacional e social” que non pode enfrontarse desde un cadro autonómico. De feito, Causa Galiza incide no fracaso do modelo autonómico para dar solución aos problemas do pobo galego, un fracaso ao que suma a “insustentabilidade das teses confederalistas e federalistas da esquerda espanhola”. Por todo iso, afirman, a única opción para a soberanía nacional de Galiza é a independencia.
A organización aclara que a proposta deste 25 de xullo unitario non afectaría a actos e iniciativas partidarias dese día. “O objetivo desta iniciativa (…) é normalizar e por à vista da sociedade galega neste Dia da Pátria a existência dum horizonte estratégico ruturista e independentista que é supra-partidário e é o único capaz de dar alternativa solvente à cronificaçom da Emergência Nacional e Social que suporta a Galiza”.
Ao encontro fforon convocados Agora Galiza, ANG, Anova, BNG, Cerna, CNM, Compromiso por Galicia, FPG, Galiza em Rede, MGS, PCPG, UPG, CIG, CUT, Fruga, SLG, Anega, Bátega, Briga, Erguer, Espiral, Galiza Nova, Isca!, UMG e Xeira