8 organizacións xuvenís convocan esta quinta feira unha marcha pola independencia

Sob o lema 'A mocidade mantendo viva a Galiza. Independencia' Agir, AMI, Briga, Comités, Galiza Nova, Isca!, Liga estudantil galega e Xeira chaman a se manifestar este 24 de xullo porque, din, "non estamos dispostas a que continúen a destruír o noso futuro, a nosa nación, as nosas vidas".

yeahhh
photo_camera Manifestación do 24 de xullo de 2013

Ás 20:00 horas desta quinta feira sae da alameda de Compostela a manifestación unitaria pola independencia convocada por oito organizacións xuvenís. A lenda da mobilización, ‘A mocidade mantendo viva a Galiza. Independencia’, incide na independencia como a trabe sobre a que construír o futuro do país. “Que futuro depara España para Galiza? Capitalismo e patriarcado. É iso o que queremos?” pregunta Eva Cortinhas, de Briga, en declaracións a Sermos Galiza. Desde Galiza Nova, Alberte Mera resalta que nunha situación de “emerxencia nacional como a que nos atopamos” a mensaxe a transmitir é que “si que temos futuro, organizándonos, rebelándonos, loitando...”.

"Nunha situación de emerxencia nacional como na que estamos hai que mandar a mensaxe de que si hai futuro: rebelándose, organizándose, loitando..."

Galiza Nova e Briga son dúas das oito organizacións (Agir, AMI, Comités, Isca!, LEG e Xeira) que convocan a mobilización na véspera da Día da Patria. Unha unidade que foi posíbel “porque partimos dunha coincidencia na análise da realidade do país” (A. Mera), de que “temos unha diagnose da grave situación da mocidade galega: miseria laboral, baixos salarios...e a lacra que España nos impón desde hai tempo, a emigración”.

“A soberanía é a chave para a verdadeira creba democrática”

Alberte Mera defende que a solución á crise en Galiza non se pode formular sen pasar pola soberanía. “É a ferramenta que nos vai permitir decidir nós propios sobre o noso propio país, é a chave para unha verdadeira creba democrática desde abaixo e desde Galiza”.

"A mocidade quere ver que hai capacidade, que podemos rematar coa situación actual"

Eva Cortinhas pregunta “que futuro depara España para a mocidade galega?”. E responde: “Capitalismo e patriarcado”, para engadir “é iso o que queremos?”. De aí que a independencia sexa, afirma Cortinhas, a garantía dun “futuro para o noso pobo”. Estamos nunha situación “no que até demograficamente o país está en perigo. Por iso somos nós, a mocidade, quen ten que garantir ese futuro”. Ten claro que a chave para poñer fin e dar a volta a esta situación "de emigración, miseria laboral, pobreza..." chámase independencia.

“Hai que reforzar a unidade de acción xuvenil”

Mera considera que esta mobilización ten importancia polo que significa de sumar “correntes e tradicións políticas diferentes”, algo que se logrou en base a dous principios: “a necesidade da soberanía e o principio de auto-organización”. A partir de aí, engade, “queremos transformar a realidade, desde aquí e por nós propios”.

Eva Cortinhas ten claro que a independencia non é unha simple proclama abstracta ou unha lenda, senón que “ten un contido anti-imperalista e anti-patriarcal”, necesarias, apunta, “para a viabilidade de Galiza como nación”.

Ambos os dous coinciden na necesidade de que esta experiencia unitaria poida darse tamén a respecto doutros eidos. “A aposta é por reforzar a unidade de acción xuvenil”, salienta Cortinhas, “a mocidade galega quere ver que hai capacidade, que hai posibilidade e que é viábel rematar con esta situación actual”. Mera salienta a unidade de acción nunha aposta de traballo na que “non conflúan só organizacións, senón tamén movementos sociais e inclusive persoas que hoxe poden ser refractarias a esta mensaxe...”.

Comentarios