Comer xoubas e o Náutico de Sanxenxo, as preocupacións galegas de Rajoy

O presidente do Goberno español inicia as súas vacacións en Ribadumia cun paseo xunto ao marido da ministra de Fomento e falando sobre gastronomía. Só terá un acto, para homenaxear ao Náutico de Sanxenxo, ultimamente centro de polémica xa que quería ocupar parte dunha praia.

Vacacións dun pontevedrés na súa zona pero co discurso máis madrileño posíbel. “Quero comer xurelos e xoubas” foron as súas primeiras verbas, como se de debutante se tratase, aínda que nace a poucos quilómetros. Pero así é a mentalidade de Mariano Rajoy, presidente do Goberno central, que comezou as súas feiras en Ribadumia, na estabelecemento A Casa de Alicia.

Malia a crise e outros moitos problemas, a gastronomía foi a prioridade amosada na súa primeira aparición pública do verán en Galiza polo tamén líder do PP, que se rodea estes días dos seus círculos da elite pontevedresa. Explicitouna durante un paseo con José Benítez, marido da ministra de Fomento Ana Pastor e presidente de Autoridade Portuaria.

Porque neses ambientes estará o presidente do Goberno, que só ten anunciado un acto público durante os quince días que pasará en Galiza, unha homenaxe institucional ao Náutico de Sanxenxo, que nos últimos meses foi noticia pola oposición veciñal ao seu proxecto de ocupar cunha obra parte dunha praia, ao que tivo que acabar renunciando.

Comentarios