O Consello da Mocidade: crónica dunha morte vil

Este 7 de xaneiro cúmprese o 50 aniversario da reunión en que se produciu o desmantelamento do Consello da Mocidade, coa 'depuración' e expulsión dos que os 'piñeiristas' consideraban comunistas e arxelinos.

conselho_mocidade
photo_camera Homenaxe a Rosalía en Madrid (1968) De esquerda a dereita: Ben-Cho-Shey, Fernández Ferreiro, Otero Pedraio, Bernardino Graña, Cesar Ariais, Caamaño Bournacell, Leonardo Fernández Souto, Bautista Álvarez, X.L. Méndez Ferrín e Raimundo Patiño.


Aquela morte vil de Xaneiro de 1964 deixounos pegada para sempre. Era o 7 de xaneiro de 1964, chovía en Lugo e a auga batía contra as fiestras da aula do Colexio Fingoi onde se celebraba a xuntanza. Comeza a depuración e morte do Consello coa expulsión dos que Piñeiro e os seus deron en ver comunistas e arxelinos. A saber: Antón Moreda, Bautista Álvarez, Manuel María, Raimundo Patiño, Xosé Luis Méndez Ferrín, María Xose Queizán, Luis González, Natalia González, Saleta Goi, Xosé Antonio Arxona ou Bernardino Graña. E así ate 22 reis magos republicanos que chegaran a máis antiga das cidades galegas a toparse co mesías civil que traía a boa nova da terra.

Manifesto 'Pola Unión do Pobo Galego'

A medias entre Outubro e Novembro de 1963 , tres mozos galegos residentes en Madrid que curiosamente non tiñan pasado pola oficina de galeguismo de Xelmírez 15 --Bautista Álvarez, Xosé Antonio Arxona e Raimundo Patiño-- facían público á opinión galega, isto é, unha minoría na escuridade do franquismo, un manifesto sob o titulo de Pola Unión do Pobo Galego no que se chamaba a articular unha organización política que respondese aos núcleos centrais do pensamento que lle era propio ao nacionalismo e as posicións que viñan defendendo na altura os movementos de liberación nacional dos países en camiño de descolonización.

A chamada deste grupo de Madrid tería resposta inmediata na terra, tanto naqueles partillaban a súa proposta, isto é reorganizar un Partido Galeguista á altura dun mundo galego ao que xa chegara Fanon, Lubumba, Ben Bella ou Fidel, como naqueles outros que, sen coincidir coas súas formulacións de poñer en pé unha alternativa política en chave nacionalista e antiimperialista ben por recomendación do grupo reitor nucleado arredor de Piñeiro ben por convencemento, entendían necesario aglutinar a toda canta mocidade defendese unha opción galeguizadora e que fixese aboiar o problema galego.

Así as cousas, este primixenia Unión do Pobo Galego madrileña disolvese e xunto con outros mozos e mozas agrupados fundamentalmente arredor das Asociacións Culturais que comezaran a agromar e seguían a expandirse, dan orixe ao Consello da Mocidade, que a pesar das reticencias das xentes de obediencia Piñeirista, na vontade e na orientación viña a ser a sección no País do Consello de Galiza.

Unha sección do Consello de Galiza

Descubrídevos, falo do Consello da Mocidade, sección na terra do Consello de Galiza. O Consello da Mocidade foi, nin máis nin menos, o que podía ser unha organización clandestina naquela Galiza que se achegaba aos 25 anos de paz.

O seu continxente non pasou nunca dos 70 aderentes. Contaba cunha estrutura de carácter nacional, se ben o elemento universitario tampouco era o maioritario. Abonda dicir que viña a ser unha organización de cadros con presenza na totalidade das cidades galegas, nas principais vilas e na capital da metrópole. A preparación política dos seus membros diverxía pola experiencia e a procedencia.

A pegada do pensamento de Daniel Castelao

Agora ben, este Consello, o homólogo a aqueloutro que o nacionalismo articulara no exilio, resulta dun proceso de debate e decantación entre certos sectores da xuventude, como consecuencia do coñecemento do pensamento de Castelao, dos procesos que se estaban a vivir no Terceiro Mundo e, por suposto, das relacións destes mozos coas xentes do exilio, contactos que o Grupo da Rosaleda tiña secuestrados e dinamitados e que se restablecen xa a finais dos 50 en Madrid primeiro con Luís Seoane e xa ao pouco co outro Luís, isto é, o Soto.

Non é esta unha cuestión menor pois será o que explique que o seu primeiro Secretario Xeral será un home formado politicamente en Bos Aires baixo o maxisterio da vella afiliación da Pondal, e cuxa chegada será anunciada polo propio Seoane na súa primeira visita ao Estado.

Aclarémonos. Antón Moreda, á marxe de ser unha persoa de síntese entre as dúas correntes do nacionalismo de alén mar, é unha imaxe gráfica da conexión do organismo dos mozos co exilio. Porén o realmente trascendente é que o Consello ten moito de concesión por parte do grupo de Piñeiro. Pénsese que o de Láncara choca frontalmente coas formulacións deste e así aproveita a primeira ocasión favorábel para iniciar a súa desfeita.

Outra vez Lugo

Outra vez Lugo, como en Novembro de 1918. Máis unha vez capital da Galiza verdadeira en Asemblea. Destas non para crear, para destruír, máis unha vez os grandes nomes e os pequenos, Penelope. Non foron as fobias, era a política.

O máis doado é tender a explicar as diverxencias, máis cando son irresolúbeis e rematan con solucións traumáticas, como posicións que teñen a ver con actitudes persoais. A explicación á sorte e ao remate da experiencia do Consello é a mesma, aínda cando este organismo é o primeiro campo de batalla aberto contra do Piñeirismo após o librado por Castelao desde o exilio. O confronto antes e  tras a Asemblea de Coruxo na década dos corenta e xa, máis no plano simbólico, o conflito que se vive no núcleo fundacional de Galaxia ao pouco do seu nacemento.

O nacionalismo como "cabalo de Troia" do comunismo

Situémonos. Nunha banda atopámonos  cunha alternativa que loita por articular unha forza política sobre o programa tradicional do nacionalismo sintetizado no Sempre en Galiza que ten en conta o proceso que se está a vivir no Terceiro en Mundo e toma propias algunhas das súas referenciais doutrinais e que, por suposto, no plano internacional xogan ao antiimperialismo.

Enfronte unha proposta que considera ao “nacionalismo como o cabalo de Troia do Comunismo”, que analiza “que non son nacionalistas porque non son reaccionarios”, que sitúa o problema galego como “un problema cultural, sendo este o noso ámbito de actuación”, que aspira a “galeguización das forzas de obediencia estatal” e que, no plano partidario, aspira a por andar un partido socialdemócrata e outro democratacristian.

Piñeiro: "Como homes do século XX non podemos ser nacionalistas"

Aqueles eran uns tempos nos que con clareza se definían as posicións e así Piñeiro afirmaba en 1956 que “o nacionalismo é unha ideoloxía do século XIX porque se fundamenta no concepto de soberanía nacional, concepto que, como todos sabedes, é claramente decimonónico. Non podemos ser nacionalistas como homes do século XX, non debemos ser nacionalistas porque nun mundo divido en bloques non imos facer o xogo ao comunismo”.

Non ficaba atrás Moreda cando na súa presentación en sociedade nun xantar na Rosaleda, ao pouco de vir de Bos Aires, era interpelado polas razóns que o levaban a definirse como galeguista e, diante da insistencia do contertulio sobre as súas habilidades literarias ou artísticas --esa era caricatura á que reducira o Piñeirismo a herdanza de Bóveda e Castelao-- concluíu: “Non son escritor, nin pintor. Simplemente son galeguista ou, mellor aínda, nacionalista, porque penso que Galiza é unha nación, é suxeito de dereitos políticos e ten dereito a súa autodeterminación”. 

Hai silencios que aclaran máis que as palabras. Non é casual que cando estamos a vivir o 50 aniversario dun dos feitos fulcrais da historia do movemento nacionalista, a maioría dos protagonistas directos daqueles feitos, mesmo algún que fixo do Consello elemento nuclear na súa obra literaria, dirixan e partillen unha estratexia de silencio sobre o vivido e acontecido naquelas datas, datas e feitos que, ás máis das veces, chegaron ao “grande público” polas súas publicacións tanto no campo da creación como campo memorialístico.

A necesidade de forzas políticas propias que pulen pola autodeterminación

Inocencia a xusta, posto que afirmar, restaurar e por en valor a experiencia do Consello lévanos necesariamente a impugnar determinadas propostas políticas que señorean hoxe en Galiza, na medida en o principio de auto organización, a necesidade de forzas políticas propias ou dividir os espazos políticos no País atendendo a derivada nacionalismo españolismo están presentes no discurso e na práctica do Consello desde aquel manifesto chamado inicial titulado Pola Unión do Pobo Galego.

Pero hai máis. Sacar o Consello do anonimato obriga a retratar ao anverso e ao reverso do Piñeirismo, isto é ao fillo que medrou ao pé do pai e ao fillo que quixo matar ao pai pero que seguiu apegado igual que o seu irmán a súa educación e ao seu libro de estilo.

Sumariamente a primacía da elite fronte ao povo, do individuo fronte ao masa, da capacidade da dirixencia fronte á disposición da sociedade e, por suposto, o mimetismo cara o de fora, o intelectualismo retórico e a falta de crenza nas forzas e capacidades do País para valerse por si só.  

E o que é máis importante: porque informar sobre o proceso que da orixe, o desenvolvemento e a xestión posterior dos sucesos do Consello implica necesariamente situar no debate os principios reitores que informan da proposta nacionalista, unha proposta aberta a lecturas diversas e plurais, pero no que non fican dúbidas naquelo que Piñeiro e Moreda. Cunha sinceridade que botamos en falla en boa parte dos dirixentes do hoxe, situaban no cerne da proposta cando afirmaban a asociación entre soberanía e nacionalismo e, por suposto, a consideración de Galiza, en tanto nación, como suxeito de dereitos políticos.

Comentarios