Deteñen a alcaldesa de Berga por manter a 'estelada' na Casa do Concello en xornada electoral

Montserrat Venturós negouse a declarar en dúas ocasións polo 'delicto electoral' de non retirar as bandeiras independentistas. 

Montse CUP Catalunya estelades
photo_camera Montse Venturós

Os Mossos d'Esquadra presentáronse a primeira hora da mañá e sen aviso previo na morada da alcaldesa de Berga, Montsé Venturós (CUP), acusada de desobediencia, para proceder á súa detención. A rexedora foi trasladada directamente aos xulgados.

Venturós era investigada por un presunto delicto electoral por non retirar a 'estelada', bandeira independentista catalá, da fachada da Casa do Concello de Berga durante as eleccións catalás do 27 de setembro e as estatais do 20 de decembro de 2015. Ela negouse en dúas ocasións a declarar perante os xulgados por estas actuacións.

O avogado e deputado da CUP, Benet Salellas, reprochou ao conseller de Interior, Jordi Jané, que non é compatíbel falar dun “proceso de desconexión” coa “execución destas ordes” xudiciais de detención. A presidenta do Parlament de Catalunya, Carme Forcadell, amosou o seu apoio á alcaldesa de Berga. “Nin a xudicialización da política nin os tribunais impedirán que os cataláns decidamos o noso futuro”. 

Comentarios