#DEBATENACIONGZ14

Un discurso sobre un país que non existe

A oposición coincide en valorar a intervención de Feijóo como afastada da realidade do día a día d@s galeg@s, chea de promesas incumpridas, sen propostas realistas e inzada de 'brindes ao sol'.

Parlamento

Non convenceu Núñez Feijóo. Nin a BNG, nin a AGE nin a PSdeG ou Grupo Mixto. Só convenceu aos seus, mais semella que tampouco sen grande entusiasmo. O portavoz do grupo parlamentar do PPdeG limitouse a sinalar que fora un discurso “centrado nas persoas e na realidade”. Exactamente o que nega a oposición.

“Unha película de ficción” Jorquera Caselas (BNG)

Para Francisco Jorquera, portavoz no Parlamento do BNG, a intervención de Núñez Feijóo era “unha película de ficción”, propia de alguén que “viven na súa burbulla, nunha Galiza virtual que nada ten a ver co noso país”. “Houbo un momento en que non sabía se falaba Feijóo ou o presidente de Finlandia”. O voceiro nacionalista afirma que "Feijóo ignora que o Estado está entrando nunha 2ª transición e conduce a Galiza a irrelevancia política".

“Recital de indecencia”, Xosé Manuel Beiras (AGE)

O portavoz de AGE afirmou que o discurso era unha mostra do “poxo negro sen fondo de indecencia” e que merecía que a oposición marchase da Cámara para mostrar que non estaba disposta a soportar o “recital” de mentiras. Beiras tamén sinalou que semellaba que o único que lle preocupaba a Feijóo era “o terrorismo” e engadiu que “metaforicamente” terroristas eran quen gobernan na Xunta e goberno español pois as súas decisións supoñen, dixo, miseria, pobreza e morto para moitas persoas.

“Desínchaselle o globo” Gómez Besteiro (PSdeG)

Quen compareceu ante os medios no Parlamento para valorar o discurso de Núñez Feijóo foi o secretario xeral do PSdeG e non o seu portavoz parlamentar, Méndez Romeu. Gómez Besteiro considera que a intervención caracterizouse pola ausencia de medidas “claras e decididas”, alén de carecer dunha “mensaxe de país”. Afirmou o socialista que “a Feijóo comeza a desinchárselle o globo”. A presidenta do Parlamento reprendeu o PSdeG por deixar utilizar ao seus ecretario xeral Gómez Besteiro micrófono para as declaracións de diputad@s

Vai de bo rollo, pero nada” Carme Iglesias

Carme Iglesias, única deputada do grupo mixto, considera que as palabras de Núñez Feijóo “é un cúmulo de propostas de bo rollo” mais que están afastadas da realidade.

“Un discurso centrado na xente” Pedro Puy

Para Pedro Puy, portavoz do PPdeG na Cámara autonómica, Feijóo tivo un discurso centrado na realidade e na xente, ademais de conter a man tendida á oposición para colaborar e acordar pactos en beneficio de Galiza.

Comentarios