As distintas 'Mareas' galegas acordan abrir un diálogo durante os próximos meses

Varias iniciativas cidadás de cara ás municipais celebraron una xuntanza convocadas pola coruñesa Marea Atlántica, onde puxeron en común as preocupacións das diferentes 'mareas', nun contacto que continuará.

Marea
photo_camera Asemblea de Marea Atlántica.

Diferentes procesos cidadáns procedentes de diversos puntos de Galiza puxeron en común as súas "preocupacións" e "obxectivos" este sábado nun encontro celebrado baixo o nome de 'Marea Municipalista' na Coruña, onde se reuniron convocados pola local Marea Atlántica, no primeiro dos encontros que seguirán celebrando para manter un diálogo entre os diversos grupos.

Neste sentido, Marea Atlántica indicou que algunhas destas preocupacións que afectan ao conxunto dos procesos "teñen que ver", por exemplo, "co baleirado de competencias" dos pequenos concellos "en favor das deputacións".

Existe preocupación polo "baleirado de competencias dos concellos en favor das Deputacións"

Precisamente, para poñer en común estas cuestións, nunha xuntanza na Praza da Fariña, os procesos cidadáns presentes participaron en dúas sesións "técnicas" nas que cada un deles "expuxo como está a dar resposta a cada unha destas determinadas cuestións". Para iso, na orde do día figuraban puntos como o modelo organizativo, a participación cidadá ou a folla de ruta.

Na reunión participaron, ademais da Marea Atlántica, a Marea de Vigo, Ourense en Común, Marea de Pontevedra, Marea Ártabra, Asemblea Cidadá de Compostela, ou Ames Novo, así como persoas de Culleredo, Sada ou Lugo. Todos eles decidiron celebrar unha nova reunión a finais deste mes para "seguir avanzando" na posta en común dos diferentes procesos.

Comentarios