Dous anos despois segue sen saberse o custo real para o erario público de vender Novagaliciabanca

O PP rexeita no parlamento unha iniciativa do BNG na que se pedía instar o Estado a que informase sobre o custo real para as arcas desa operación.

En decembro de 2013 o banco venezuelano Banesco compraba NovaGalicia Banco (NGB) por pouco máis de mil millóns de euros, após que o Estado inxectase cartos públicos na entidade galega por máis de 8.000 millóns de euros. Mais houbo máis custos para o erario público nesa operación, lembrou o BNG nunha iniciativa na que pedía que o Estado informase do custo real de “vender antecipadamente NGB”. Porque se vendeu en 2013 mais había de prazo até 2018.

A venda anticipada de Novagalicia Banco,tivo “consecuencias ruinosas para Galiza”, dixo o portavoz parlamentar nacionalista, Francisco Jorquera. Lembrou que a venda de Novagalicia Banco “foi unha venda a perdas” cun prezo oficial de 1.003 millóns de euros ao que hai que descontar o custe das coberturas públicas e créditos fiscais  dos que se beneficiou o comprador , “non se recuperou un só euro dos 8.981 millóns destinados ao seu sanemento senón que se pagou por colocala”, recalcou Jorquera. O FROB, engadiu o deputado, recoñeceu que a venda ocasionaba unha perdas para o Estado de máis de 8.000 Millóns e o Plan de Reestruturación aprobado pola Dirección Xeral da Competencia constara que as garantías a favor do comprador ascenden a 2.322 millóns de euros, “unha cantidade moi superior ao prezo oficial da venda”.

A proposición non de lei foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.

Comentarios