Esquerda Unida quere que En Marea teña candidato antes do 25 de xullo

Aposta nunha “figura colectiva de consenso” e “non de parte”

Yolanda Díaz_En Marea

“Non podemos chegar ao 25 de xullo sen candidato”. Así se pronunciou Yolanda Díaz após o Consello político nacional de Esquerda Unida e a preguntas dos xornalistas. A coordenadora de EU apostou nunha figura “colectiva, de consenso” e “non de parte”, o que deixaría fora a posíbeis candidatos que fosen parte das formacións que integran En Marea, o que na práctica suporía un non a Beiras. Afirmou Yolanda Díaz que para as súa formación o candidato á presidencia da Xunta é “moi relevante” e ten que ser unha persoa “de conseso” en torno á cal non haxa desputas das diferentes organizacións que conforman En Marea.

“Se desputamos sobre esa persoa, invalida o argumento”, dixo. “Se queremos transmitir solvencia, gobernabilidade, transformación deste país, precisamos iso, en positivo”, engadiu ao tempo que se desbotaba a ela propia como candidatábel.

A elección do candidato ten que ser áxil e rápida posto que “estamos xa en campaña e temos as maquinarias dos adversarios moi ben engraxadas”, polo que considera que non se pode chegar ao 25 de xullo sen candidato. O secretario de Organización, Rubén Pérez, sinalou que EU aposta nunha metodoloxía máis áxil para a elección do candidato, apontando á proposta por Mareas en Común

Consolidada

No Consello Político Nacional de Esquerda Unida avaliáronse os resultados do 26X e analizáronse os motivos que poideron levar á alta abstención que se deu no voto da esquerda. Yolanda Díaz considera que as “altas espectativas xogaron na nosa contra, e non soubemos mobilizar a parte do electorado”. Tamén apontou que “subestimamos a capacidade de reacción do Partido Popular, que foi quen de facer unha campaña silente pero moi eficaz”.

Porén, destacou que os resultados poñen de manifesto "que tanto En Marea como Unidos Podemos no resto do estado son, nestes intres, forzas consolidadas no espazo da esquerda”

Comentarios