Feijóo abre a porta a unha alianza co PSdeG de precisar completar unha maioría para gobernar a Xunta

O presidente da Xunta e candidato do PPdeG nas eleccións galegas apoia a vía de procurar o respaldo socialista para "completar" a súa maioría se esta por si propia non chega para gobernar. Descarta ser “xefe da oposición” en caso de saír derrotado o PP dos comicios.

[Imaxe: Lavandeira] Feijóo
photo_camera [Imaxe: Lavandeira] Feijóo

Núñez Feijóo estaría disposto a procurar unha alianza co PSdeG en caso de, tras as eleccións galegas, precisar apoios para “completar” a maioría e poder gobernar. Así o recoñece nunha entrevista do presidente da Xunta e candidato do PPdeG nos comicios galegos con Europa Press. Após anos a criticar os 'bipartitos', Feijóo afirma que el “non está en contra dos bipartitos”. O candidato do Partido Popular non quer contemplar un escenario diferente ao da maioría absoluta, mais en caso de non tela abre as portas a un apoio dos socialistas. Afirma que a unión de partidos “que perden” para “non deixar gobernar” o que gana non é algo bo, mais que, “se un gana e precisa doutro partido para conformar unha maioría, fágase”.Engade, ademais, que se el perde as eleccións non vai gobernar.

Mesmo indica que se as marés ganan as eleccións, “o lóxico é que o PP se absteña e facilite un goberno en Galiza”. Na entrevista confesa que lle preocupa o que cualifica de “deriva do PSdeG” e, preguntado sobre se procuraría unha alianza cos socialistas para evitar un goberno das marés, afirmou que si. Di que é bo para as institucións que “os dous grandes partidos” falen entre si e afirma que “sería bo para Galiza” que se o PP necesitase “completar” a maioría poidese obtela do PSdeG.

Deixar a política galega de perder

Feijóo descarta na entrevista con EP ser “xefe da oposición” en caso de saír derrotado o PP dos comicios. O que abre as portas a que deixe a política galega, que non a política. Indica, asemade, que en caso de ganar manteríase no posto de presidente da Xunta até esgotar a lexislatura.

O presidente di que está a ultimar a súa decisión sobre a data das eleccións galegas unha vez que Iñigo Urkullu anunciou esta sexta feira que as vascas ían ser o 25 de setembro. Tomará, afirma, a decisión “máis consecuente” e “máis responsábel”.


 

Comentarios