Feijóo confirma que as eleccións serán en outono

O presidente da Xunta comprométese a esgotar a lexislatura. Afirma que non se vai "aproveitar" dunha oposición "fragmentada, dividida, con liortas internas”

Feijóo parlamento

As eleccións galegas non coincidirán coas estatais e serán en outono. Núñez Feijóo descartou esta segunda feira un adianto electoral e confirmou que o seu obxectivo é “esgotar a lexislatura”. Así o dixo en declaracións aos medios de comunicación nun acto na Cidade da Cultura. “Preséntome para ser presidente de Galiza cun proxecto e unha proposta”.

“O que lle interesa a Galiza neste momento é saír da situación de inestabilidade e da situación de desprestixio que se está a vivir na política española”

Feijóo afirmou que non se “aproveitará” da “crise existente dentrod o PSOE”, das “convulsións das marés de Podemos” e da “situación comprometida do BNG”. Unha frase que xa indica o roteiro da mensaxe que o PP quer transmitir: o da seguridade e estabilidade que, din, representa Feijóo fronte a unha oposición desorganizada e da que quere dar imaxe de mergullada en crises internas.

De feito, e nestas declaracións aos medios, o propio Feijóo xa percorreu ese roteiro: “o que lle interesa a Galiza neste momento é saír da situación de inestabilidade e da situación de desprestixio que se está a vivir na política nacional. [...] Vou seguir garantindo a estabilidade de Galiza porque creo en Galiza e porque non me parece en ningún caso aceptábel aproveitarse dunha situación que nunca se dera en Galiza, cunha oposición fragmentada, dividida, con liortas internas”

Comentarios