Francisco Caamaño apoia Méndez Romeu

O ex-ministro de Xustiza considera que o candidato é a “persoa ideal” e móstrase crítico cos apoios de Leiceaga, “que levaron o PSdeG á situación na que se atopa”.

caamaño mendez romeu Imaxe @Anxo_F_Baobre
photo_camera Imaxe @Anxo_F_Baobre

Méndez Romeu suma un novo apoio á súa candidatura nas primarias do PSdeG, a de Francisco Caamaño, ex-ministro de Xustiza no goberno de Rodríguez Zapatero e ex-secretario provincial dos socialistas da Coruña. Caamaño considera que o actual portavoz parlamentar do PSdeG é “a persoa ideal”, mentres que se amosou moi crítico con persoas que apoiaron Leiceaga por entender que “levaron o Partido Socialista á situación na que se atopa”.

O ex-ministro considera Méndez Romeu como a persoa “con capacidade” de encontro entre as diferentes “sensibilidades socialistas” e que encabeza un “proxecto de futuro”, para alén de ter un “programa político para Galiza que poña fin a estes anos de goberno de Núñez Feijóo”. Tamén tivo eloxios para Leiceaga, de quen dixo que, como Méndez Romeu, é un “excelente candidato” para estar á fronte do PSdeG. “Aos dous lles teño afecto, mais postos a ver procesos de decisión, creo que hai diferenzas”, aseverou.

“A maioría dos apoios do candidato Leiceaga responden a un conxunto de persoas que levaron o Partido Socialista á situación na que se atopa, un conxunto de persoas incapaces de facer un proxecto creativo, ilusionante para esta sociedade, e sobre todo, de engadir persoas ao proxecto, mais ben foron quen de excluirlas, e algún exemplo directo agora mesmo poden ver en quen está falando”.

Comentarios