Galiza Nova aposta por un BNG “aínda máis contundente” e “á fronte dos conflitos”

O líder das mocidades nacionalistas, Alberte Mera, define a súa organización como “independentista pero non terrorista como lle gustaría ao PP” e cre que o éxito de Podemos débese á “novidade”.  

albertemera
photo_camera albertemera

Nunha entrevista a Europa Press, o líder das mocidades do Bloque, Alberte Mera, ao ser preguntado se comparte as manifestacións do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, apelando a máis contundencia na dirección do BNG, Mera defende que esta formación xa a ten, pero admite que "fai falta ser máis contundentes aínda".

Mera apunta a unha militancia xuvenil en ascenso, que anda preto das 2.000 persoas

Sobre Galiza Nova, o seu secretario xeral afirma sentirse "orgulloso" do traballo feito na organización para facer dela "unha ferramenta continuamente adaptada aos tempos". Ao respecto, apunta que teñen "máis militantes" -uns 2.000- e que "máis xente se achega con 16 e 17 anos". "Que queren empezar a ser nacionalistas, actuar como tales e iso garante o relevo", engade.

Non obstante, recoñece a necesidade de "actualizarse no modo de actuar na sociedade" ante o que cualifica como "os continuos ataques por parte do PP". "Do españolismo", engade. Neste sentido, destaca a súa participación en folgas estudantís ou en protestas contra desafiuzamentos. "Unha política para defender a xuventude e non unha política de Facebook e de chíos", indica.

Sobre a perda de apoios do BNG nas eleccións, admite "erros e acertos" nesta formación, pero insiste en que os comicios "son conxunturais e varían dunhas eleccións a outras”. "Prefiro quedar coas 20.000 persoas, moitas menores de 20 anos, que abarrotaron a Praza da Quintana polo Día da Patria. Máis que falar de cousas negativas, hai que estar á fronte dos conflitos", proclamou.

Mera, que reivindica unha Galicia "independente" e unha "República galega", se pronuncia tamén sobre os intentos de vincular esta formación con organizacións como Resistencia Galega. "Non é novo que pretendan criminalizar o nacionalismo". "Somos independentistas, non terroristas por moito que lles gustaría", remarca Mera en alusión ao PP. Ao fío diso, afirma que "cada vez hai máis un Estado fascista e iso é o verdadeiro terrorismo".

De cara ás eleccións municipais, Mera aposta, para captar o apoio d@s moz@s, "por convencer á xente de que o nacionalismo é necesario para Galiza" e resta importancia aos efectos que poida ter no BNG a presenza de AGE ou a aparición de Podemos. Dos primeiros, asegura que "son outros -en alusión aos ex-militantes do BNG- os que prefiren ir con forzas que seguen as ordes de Madrid", engade sobre as coalicións con Esquerda Unida. En canto a Podemos, atribúe o seu éxito electoral á "novidade".

Comentarios