O Goberno central afirma que a reforma que manexa é "electoral pero non electoralista"

Soraya Sáenz cualifica de "fortalecemento da democracia" a intención do PP de ilegalizar as maiorías programáticas e impedir por vía legal a formación de coalicións despois das eleccións.

Fernández-Díaz-y-Soraya-Saénz-de-Santamaría-Foto-Moncloa
photo_camera A vicepresidenta e o ministro de Interior.

A vicepresidenta do Goberno español, Soraya Sáenz de Santamaría, asegurou que os "cálculos electorais" non son o motivo de que o PP suscite unha modificación da lei electoral que prime como futuro alcalde ao candidato da lista máis votada, o que ilegalizaría as coalicións de maiorías programáticas co fin de favorecer a un bipartidismo e moi especialmente a un partido gobernante en crise. Ou sexa, que o cambio legal -cualificado de "pucheirazo" desde boa parte da oposición, seica sería "electoral" pero non "electoralista", argumento que non parece que vaia frear un forte escándalo social en case de se aplicar.

Este "debate" que quere abrir o Partido Popular "faise desde un punto de vista que non é o dun cálculo electoral do que poida pasar nun concello ou outro, senón do fortalecemeento da democracia", declarou a vicepresidenta na roda de prensa posterior ao Consello de Ministros. Ese "fortalecemento da democracia" seica non impedirá que a polémica reforma se aprobe cos únicos votos do PP, segundo se sabe, como ocorre coa redución de escanos no Parlamento galego que pensa aprobar Feijóo á volta do curso político.

Interior

Con todo, o ministro do Interior español, Jorge Fernández Díaz, dixo que se o motivo fose favorecer ao PP en futuras eleccións, iso "restaría lexitimidade" á iniciativa. "É unha medida de rexeneración democrática, de facilitar a transparencia e a aproximación entre a cidadanía e os seus representantes, alén de que beneficie ou prexudique ao partido que sustenta ao Goberno", explicou.

Comentarios