#DEBATENACIONGZ14

Os grupos parlamentares presentan as súas propostas de resolución

Os diferentes grupos parlamentares presentaron as súas propostas de debate, que abranguen desde despexos a emprego, pasando polos sectores produtivos ou o AVE.

Os diferentes grupos parlamentares presentaron esta cuarta feira as propostas de resolución que se votarán mañá no marco do debate do estado da Nación. Son propostas que abranguen eidos moi amplos, desde o emprego, o dereito a decidir ás fusións municipais ou conductas éticas.

BNG: dereitos nacionais e sociais do pobo galego

A viceportavoz do BNG, Ana Pontón, presentou as 40 propostas de resolución avanzando a intención de rexistrar 100 máis como protesta pola redución imposta polo Partido popular, “Galiza ten moitos problemas e resulta ilóxico restrinxir o debate e o número de propostas”.A parlamentar nacionalista agradeceu a participación de persoas e entidades que achegaron alternativas e propostas para loitar contra as consecuencias da crise, “estarán presentes no debate”. o dereito de Galiza a decidir, un sistema fiscal xusto e un plan de choque para xerar emprego serán tres dos eixos destas propostas, que tamén incidirá en “aumentar a democracia e abrir o Parlamento á cidadanía”.

A isto engádense propostas como un plan de emprego “real e con dotación”,  que pasaría, explicou,  por reclamar ao Goberno central os 300 millóns de euros que vai aforrar co remate das prestacións dos desempregad@s de longa duración.”A mocidade e mulleres deben ser a prioridade do Plan de emprego,” enfatizou.

Impulsar o sector naval, o agro e a pesca  tamén son obxecto das propostas do BNG ao igual que a creación dunha banca pública galega como ferramenta fundamental para a recuperación económica.

AGE: reprobación do presidente da Xunta

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) rexistrou corenta propostas de resolución. “Esta é a nosa alternativa ao proxecto de demolición activa de Alberto Núñez Feijóo”, expuxo en rolda de prensa a vice-portavoz Yolanda Díaz, acompañada do portavoz Xosé Manuel Beiras e do resto do grupo parlamentario, “dividida entre dúas prioridades, o combate contra o sistema e as prioridades políticas”. Beiras resumiuno así: “Por moito que digan os ocupantes de San Caetano, existe unha alternativa. Polo menos AGE tena, cun enfoque dende dentro do país e que fixa as cuestións políticas cardinais”. Pedirán unha reprobación do presidente da Xunta, unha moratoria nos desafiuzamentos, a renda básica ou o dereito a decidir da xente en cuestións fundamentais.

Entre as propostas de Alternativa figura, ademais,  unha auditoría da débeda, "esa que baixo o mandato do Partido Popular de Feijóo acadou os 10.000 millóns de euros", ou a derrogación do artigo 135 da Constitución "que impide políticas de redistribución da riqueza".

PSdeG: Transparencia e axilización do AVE

Desde o PSdeG presentaranse resolucións para o debate sobre a necesidade de combater a corrupción, a implantación dun sistema de avaliación das actuacións da Xunta ou a redución dos postos de libre designación.

O portavoz socialista, Méndez Romeu, incidiu en propostas que rexistrou o seu grupo como o apoio ao pequeno e mediano comercio, axilización na construción do AVE ou a gratuidade nos libros de texto.

PP: Respecto á Constitución e fusións municipais

O PPdeG tentará concitar o apoio da oposición ao Goberno para que o Parlamento galego traslade o seu respaldo ao Gobierno nos pasos conducentes a "garantir o respeto á Constitución" fronte a consulta catalá.

    Entre as mocións presentadas pola vice-portavoz do PPdeG Marta Rodríguez Arias para negociar cos outros grupos, inclúese unha estratexia para "avanzar o proceso" de fusión municipal e solicitar que se cre que a nova lei sobre o fondo de Administración Local de Galicia, entre outras.

Comentarios