IU prefire que o acordo con Podemos sexa tamén para as autonómicas

Considera que confluír nunhas citas electorais si e noutras non “diluiría” a forza da alternativa, segundo un documento de Izquierda Unida.

Cayo Lara

IU quer que o acordo con Podemos sexa tamén para as autonómicas e non fique só en confluencia na cita das municipais de maio de 2015. Así se desvela no documento de Izquierda Unida ‘Encontro cara un novo proxecto de país’ ao que tivo acceso Infolibre.

A organización que lidera Pablo Iglesias é partidaria de se presentar ás municipais dentro de alianzas e confluencias máis amplas e preservar así a marca para vindeiras citas (autonómicas e estatais). Desde IU entenden que esa ‘confluencia á carta’ (como a define Infolibre) non é a acaída pois suporía “diluir a alternativa”.

No documento elaborado por un grupo coordenado por Alberto Garzón afírmase que “non é posíbel sustentar a idea e aspiración dunha alternativa para os concellos e non concretala para unhas comunidades ou deputacións que van ser decisivas”. Recóllese que “non deberiamos votar unha cousa na urna da dereita e outra diferente na da esquerda. Diluiríase a forza da alternativa”.

Comentarios