DPG2017

Manifestación "histórica" do BNG: máis de 20.000 persoas pola "nación que compartimos"

Miles ateigan A Quintana e rúas da zona vella de Compostela na manifestación do BNG polo Día da Patria. Ana Pontón chama a “dar un paso adiante” e abrir un debate no país “para superar esta autoanémica autonomía” e afirma que “se hai un país que necesita o nacionalismo, ese país é Galiza”.

Día da Patria Galega. Ana Pontón.
photo_camera Ana Pontón

Miles de persoas tomaron parte na mobilización do BNG polo 25 de Xullo, nunha manifestación que a propia fronte nacionalista cualificou como “histórica”, a cifrar as persoas asistentes en máis de 20.000. Persoas procedentes das diferentes comarcas do país e que acudiron neste 25 de Xullo á capital galega para facer valer, como sinalaba o lema deste Día da Patria, Galiza, “A nación que compartimos”.

Como é tradicional, a manifestación comezou pasadas as doce do mediodía da Alameda de Compostela. Unha gran bandeira galega co escudo da serea deseñado por Daniel Castelao abría a marcha, secundada polo son dos bombos e gaitas da Treboada do Baixo Miño, e, a seguir, por unha xigantesca ‘estreleira’ portada por unha vintena de militantes. A continuación, a Executiva nacional do BNG e miles e miles de manifestantes. A marcha decorreu a un ritmo máis rápido do que en anteriores anos. O que non variou foi o ambiente, festivo e reivindicativo, no que se entrelazaba música e consignas.

“A nosa festa”

Xan e Santiago, de Porto do Son, levaban con orgullo a gran bandeira coa serea de Castelao que abría a manifestación. “Levamos vindo desde hai ben anos”, manifestaban a Sermos Galiza, incidindo en que este día, o 25 de Xullo, é “o noso día grande como pobo, o día para dicer ao mundo que somos unha nación”.

Manifestación 25 xullo BNG Bea Gutiéreez

Xulio, de Monforte, e Mónica, do Condado, tamén levan acudindo ao Día da Patria desde hai anos. Por volta de 15 no caso del e 30 no dela. Son dous dos militantes que axudan a levar pola zona vella unha gran bandeira galega coa estrela vermella. “Estamos aquí porque é a festa nacional dos galegos e galegas, a nosa festa”, indica Mónica mentres manobra para que a bandeira colla pola Rúa do Vilar, onde os turistas non paran de tirar fotos.

Tamén está na manifestación do BNG Eduardo. El non porta bandeira mais leva con orgullo o traxe de bombeiro forestal, o mesmo que levan os seus catro acompañantes. “Por que estamos aquí? Pois porque nós protexemos e defendemos o monte e natureza de Galiza, e por iso tamén queremos defender todo o que é o noso país”. Agoira un verán complicado no monte e critica unha política da Xunta que quer “privatizar” o servizo de loita contra incendios.

Mehmet é curdo, do HDP, partido convidado a estar presente nesta mobilización. Fálanos da situación no Curdistán (“fodida”, afirma cun sorriso), da represión de Erdogan sobre o seu pobo e de, como embora esa represión, mantense “a loita polos dereitos humanos, a igualdade e os dereitos dos curdos”. ‘

Iria, de Ferrolterra, é a segunda vez que vén ao Día da Patria. Ten 18 anos e afirma que está nesa manifestación “porque é como estar en moitas á vez: pola soberanía de Galiza, polos dereitos das mulleres, contra o imperialismo e polo internacionalismo... Chégache ou sigo?”, di mentres ri. Vén con dúas amigas, coas que xa acudiu á manifestación xuvenil unitaria do 24. “Sen mulleres, non hai soberanía”, corea mentres se despide.

A Quintana, corazón e alma

A Quintana foise enchendo mentres a animación corría, desde o palco, da man do actor Anxo Lanela e da música de ‘Néboa no Fiouto’. A praza do corazón da zona vella de Compostela encheuse até a bandeira.  O ‘aplausómetro’ nos saúdos das delegacións convidadas bateu récords con Palestina e o Sáhara e derivou en berros de “Independencia” cando chegou a quenda de Catalunya.

IMG_0387 (1)

Foi a quenda entón de Caxade e Mini, que cantaron desde o escenario ‘Estamos todas canda ti’, o tema do BNG para este Día da Patria, coreada por moitos dos asistentes. Finalizaba a interpretación, unha treboada comezou a soar desde o fondo da praza. Abriuse un corredor entre as miles de persoas e polo mesmo desfilaron os bombos e gaitas de Treboada do Baixo Miño a abriren paso coa súa música á Executiva Nacional do BNG, que entre berros de ‘Galiza ceive, poder popular’ subiu ao palco.

“Soñamos cun país mellor”

Tomou a palabra Alberte Fernández, secretario xeral de Galiza Nova, que afirmou que os problemas de Galiza “non teñen solución” no actual marco do estado español e animaba a mozos e non tan mozos a continuar no compromiso “de construír a República Galega”.

Foi entón a quenda da portavoz nacional do BNG. Ana Pontón agradeceu a presenza das miles de persoas que ateigaban A Quintana. “Soñamos cun país mellor”, afirmou, ao tempo que incidía en que Galiza “precisa dunha grande organización que teña a súa cabeza e o seu corazón nesta terra”. Recoñeceu que no anterior 25 de Xullo o BNG atravesaba dificultades, o que ela cualificou como “momento decisivo”. “Pero non tivemos medo”, dixo, “e fixemos algo tan sinxelo como transgresor: confiar no BNG e no noso pobo”. O resultado, manter o grupo parlamentar do Bloque (“moitos nos dicían que era imposíbel”) e, engadiu, “xeramos unha corrente de simpatía que deu forzas renovadas ao nacionalismo”.

Ana Pontón contrapuxo as análises e propostas feitas polo BNG ao longo de todos estes anos ao goberno de Núñez Feijóo que é o “si, bwana” ante Madrid. Ou fronte ao “novo PSOE e o vello Podemos” dos que, dixo, non son solución para os problemas de Galiza. A alternativa non está en “Madrid” remarcou a portavoz nacionalista, senón na “esperanza” que leva miles de galegos a non se resignar e loitar. Puxo o exemplo de Domitila, preferentista de 90 anos de idade, dos traballadores do 112 e de Ferroatlántica, das vítimas de Angrois. Todos eles, coa súa loita e non resignación son quen de facer un país mellor.

Novo estatus para Galiza

Un país no que o BNG aposta en “abrir un debate” para “superar esta autoenémica autonomía”. Unha aposta en que Galiza “emerxa como nación, marque o seu propio camiño”. Anunciou entón que o BNG vai propoñer ao resto de forzas políticas abrir unha ponencia no Parlamento que permita un “novo estatus” para Galiza porque “ficar como estamos é retroceder”. Estatus que recoñeza Galiza como nación libre para decidir o seu futuro, cunha facenda galega “que acabe co espolio”, que blinde unha carta de dereitos sociais, e con pleno desenvolvemento de lingua e cultura.

“O máis transgresor deste momento é ser nacionalista”, afirmou Pontón na recta final dun discurso no que reiterou que o BNG “non lle vai fallar a Galiza”. O Himno Galego e os berros de “Galiza ceive, poder popular” puxeron o ramo a unha mobilización que a propia organización cualificou como “histórica”. 

Comentarios