Medio cento de militantes e cargos institucionais do BNG presentaron esta sexta feira (15 de abril) en Compostela a campaña 'Eu con Ana Pontón', un manifesto co que propoñen a voceira nacional da organización frontista como candidata á presidencia da Xunta no marco das eleccións ao Parlamento.
Lanzan a iniciativa "convencidas", din, da "solidez, a experiencia, a capacidade e a empatía" de Ana Pontón
"Convencidas da necesidade de reforzar e renovar o nacionalismo galego", sinalan, propoñen Pontón porque representa "a solidez, a experiencia, a ilusión, a capacidade e a empatía que precisa a nosa organización". "Unha das persoas que mellor encarna o compromiso con Galiza", dixo Anabel Gulías, militante e concelleira do Bloque en Pontevedra.
Entre as persoas asinantes atópase o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, a portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, o que foi candidato de Nós ao Congreso pola Coruña, Carlos Callón, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores ou Xosé Luís Rivas, 'Mini'.
Para alén da presentación pública e do manifesto pendurado na rede, explicaron que iniciarán unha campaña através das redes sociais baixo o lema 'Eu apoio Ana Pontón'.