Eleccións galegas

Méndez Romeu: “Nin me descarto, nin me afirmo, nin todo o contrario”

O portavoz parlamentar do PSdeG avanza que na semana que entra a formación socialdemócrata adoptará unha decisión a respeito do calendario das eleccións primarias. Di que non se descarta, mais que tampouco se afirma, deixando a porta aberta a se candidatar.

José Luis Méndez Romeu
photo_camera José Luis Méndez Romeu

Nunha entrevista concedida a Radio Galicia-Cadena Ser, Méndez Romeu admitiu que a dupla dimisión de José Ramón Besteiro representou “un problema que hai que abordar”. Mais non de maneira precipitada, “senón ordenadamente”.

Así, non se amosou partidario de apurar prazos, con independencia do que aconteza a nivel estatal. “A primeira incógnita é se hai eleccións ou non, e iso saberémolo o 2 de maio e a partir de aí poderemos tomar decisións”, afirmou. Con todo, xa adiantou que esta semana o PSdeG adoptará algún acordo concreto sobre o calendario de primarias.

“Eu teño o compromiso con outros dirixentes de agardar ao calendario que se adopte”

Preguntado por se se ve candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, o portavoz parlamentar deixou a porta aberta: “Eu teño o compromiso con outros dirixentes de agardar ao calendario que se adopte”, e a continuación, baixo a insistencia da xornalista, engadiu: “Nin me descarto, nin me afirmo nin todo o contrario”.

Sobre a vaga de autodescartes que tivo lugar entre dirixentes do PSdeG nas últimas semanas, Méndez Romeu recoñeceu que “non é moi beneficiosa”, aínda que se amosou comprensivo dado “o acoso continuo de preguntas” aos que están sometidos.

A respeito da posíbel elección dunha muller para encabezar o PSdeG, dixo que podería acontecer “coa mesma responsabilidade e rigor que se poñemos un home”.

[No número 189 de Sermos Galiza publicamos unha ampla entrevista con Méndez Romeu, na que dá conta da situación política no seo do PSdeG, das eleccións primarias e do contexto político xeral. Á venda na loxa]

Comentarios