Manifesto "Un paso adiante"

No aniversario do Estatuto de 1936, o BNG propón deixar atrás as "estreiteces do autonomismo"

O BNG reafirmouse como unha forza soberanista este 28 de xuño de 2017, no 81 aniversario do Estatuto de 1936. A organización liderada por Ana Pontón apresentou esta cuarta feira o documento Un paso adiante, unha declaración programática coa que quer explicitar a súa vontade de superar o marco autonómico. Como? A meio dun grande debate social e dun "acordo de país" a se materializar no Parlamento.

BNG. Estatuto de 1936. 28 de Xuño
photo_camera Pontón, arrodeada de dirixentes e militantes no acto de apresentación do manifesto

Un paso adiante non é un manifesto que se propoña ficar apenas no terreno da pura retórica. A intención do BNG -após a súa apresentación aos distintos axentes sociais e a todas as forzas politicas- é que o documento abra un debate no Parlamento galego. A formación nacionalista proporá, anunciou Ana Pontón, a criación no Pazo do Horreo dunha ponencia "para dar un paso adiante e reclamar un novo status para Galiza que nos recoñeza como nación e que nos dote de novos instrumentos cos que poder dar solucións ás demandas e aspiracións dos galegos e galegas do século XXI".

O BNG concibe esta oferta de diálogo ás demais forzas políticas como unha "proposta xenerosa" visando "voltar a colocar Galiza no mapa político" e, ao mesmo tempo, impulsar o que a formación liderada por Ana Pontón ten chamado a "axenda galega", a listaxe dos asuntos (investimentos do Estado na Galiza, transferencia da AP9, criación dunha banca pública, concerto económico) que teñen sido o núcleo da actividade das e dos nacionalistas nos últimos meses.

Un Paso Adiante tería como obxectivo final a consecución dun "grande acordo de país" que deixe atrás o corsé autonomista. O documento ten forma de decálogo e, xa no seu pórtico, no primeiro ponto, proclama a condición de Galiza como nación e o seu direito á autodeterminación. A seguir, ponto dous, reclama a capacidade plena de decisión sobre a economía nacional e a posta en marcha dunha banca pública. Un Paso Adiante pide aínda -terceiro ponto- o concerto económico e -cuarto ponto- competencias exclusivas para a planificación dos servizos públicos, ben como a xestión plena da seguranza social e a implementación dunha estratexia contra a violencia machista.

Ana Pontón. Acto Estatuto de 1936. 28 xuño de 2017.Máis: a articulación dun novo modelo administrativo e territorial coa supresión da provincia como división xeográfica e circunscrición eleitoral e a aposta na comarcalización (quinto ponto), desenvolvimento dunha política lingüística que teña como obxectivo a recuperación de falantes (sexto), a asunción de todas as competencias en materia de transporte (sétimo) e o estabelecimento dun poder xudicial propio para Galiza como última instancia (oitavo).

O decálogo de propostas complétase coa asinatura dun acordo nacional polo monte e o saneamento integral das rías (noveno) e a asunción de competencias en materia de asuntos exteriores (dez), para o goberno galego desenvolver relacións internacionais en función dos intereses do país.

Pontón advoga por "unha acción política con visión de país" que sexa quen de "integrar a maioría social nun proxecto compartido de nación"

Perante o debate territorial en curso no Estado, con Catalunya na vangarda da reivindicación dos direitos nacionais, só caben dúas posicións, enfatizou Ana Pontón, acompañada de dirixentes e de militantes do BNG, durante o acto de apresentación deste manifesto. "Ser meros espectadores ou protagonistas, pasividade ou activismo". Nesa encrucillada "o BNG aposta polo activismo".

O asunto é non voltar a repetir os erros do pasado, a ausencia da Galiza do debate aberto no Estado durante a chamada transición de 1978, un proceso en que o país "non existiu politicamente e pagamos cara esa exclusión", dixo Pontón. "Temos a obriga de aproveitar esta oportunidade para conseguir un cambio de verdade e non podemos perder de novo este tren".

Nesa tesitura, entende a líder do BNG que o nacionalismo é máis necesario do que nunca para "mudar a fondo o actual marco político e institucional", un modelo autonómico "que non lle permitiu a Galiza desenvolver todo o seu potencial". E como se consegue iso? A xuízo de Pontón, a chave pasa por "unha acción política con visión de país" que sexa quen de "integrar a maioría social nun proxecto compartido de nación que aspira a ser libre e a garantir o progreso e o benestar social".

Comentarios