O novo voceiro do PP galego abre a porta á presenza de imputad@s nas listas

Miguel Tellado sae en defensa da súa predecesora, Paula Prado, e mesmo a sinala como vítima ao dicr que “foi portada de xeito innecesario”. Asegura que as mareas “son os restos do naufraxio da esquerda”.

Miguel Tellado, A Coruña
photo_camera Miguel Tellado.

O portavoz do PPdeG, Miguel Tellado, realizou este sábado unhas declaracións sobre a influencia da corrupción nos próximos comicios e non pechou a porta a que a súa formación leve imputad@s nas listas, xa que explicou que este debate "aínda non chegou", pero asegurou que o partido cumprirá os seus estatutos e avogou por manexar esta cuestión "con seriedade" porque non considera "razoable" deducir "unha culpabilidade dunha imputación". O PP xa confirmou que volverán ser candidatos os alcaldes de Mazaricos e O Carballiño, relacionados coa Operación Orquestra e Pokémon, respectivamente.

Tellado defende a redución de escanos no Hórreo, ataca a BNG e AGE e pide acordos co PSdeG

Neste sentido, reivindicou o "dereito a defenderse" da ex-portavoz e deputada, Paula Prado, "tras padecer a pena do telexornal e ser portada de forma innecesaria", dixo, malia os múltiples indicios que apuntan a irregularidades cometidas pola que foi concelleira en Santiago. Tanto para ela como para o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, pediu que se respecte a "presunción de inocencia".

O portavoz que substituíu á propia Paula Prado cando esta foi encausada tamén se amosou escéptico coas candidaturas para as locais de 2015 que proliferaron nos últimos meses ao entender que "nin son cidadás nin son mareas", senón "os restos do naufraxio da esquerda". Defendeu tamén a redución de escanos no Parlamento, acusou a BNG e AGE de buscar a confrontación e pediu máis acordos co PSOE galego.

Comentarios