Pedro Puy deixa entrever que Feijóo vai volver ser candidato

O portavoz parlamentar do PP recoñece que “con ou sen Feijóo”, vai ser “difícil” manter a maioría absoluta.

Feijoo parlamento pedro puy xunta PP
photo_camera Puy e Feijóo conversan nun momento dunha sesión parlamentar

O futuro de Núñez Feijóo segue a xerar declaracións, opinións e especulacións no seu propio partido á espera de que o presidenta anuncie se recunca ou non como candidato á Xunta de Galiza. Esta fin de semana foi Pedro Puy, portavoz parlamentar dos populares, quen deixou entrever que Feijóo si repetirá. Fíxoo durante unha entrevista na Cadena Ser. “Creo que si”, respondeu Puy á pregunta de se Núñez Feijóo repetiría como candidato, afirmando que “ten un compromiso co país, con Galiza, e a xestión que está a facer na Xunta”.

O portavoz do PP na Cámara galega non considera que haxa en Feijóo “falta de ganas de seguir”, senón “xenerosidade” e unha proposta “leal cos compañeiros, aos que dixera que dúas lexislaturas eran abondo”. Afirma que non existe “inquietude” ante unha posíbel negativa a repetir e avanza que “con ou sen Feijóo” será “complicado” manter a maioría absoluta nas eleccións galegas. Ao que engade que é “relativamente optimista” porque entra dentro do “razoábel” que o PP teña nas urnas unha “maioría suficiente para gobernar”.

“Como Felipe González”

“O que todos compartimos é que os candidatos que teñen éxito electoral, como no seu día Felipe González ou hoxe Núñez Feijóo, constitúen un dos principais activos dun partido”, manifestou Puy, que sostén que Feijóo “é unha persoa ben valorada” e o mellor candidato, mais non o único.

Descarta un adianto electoral e aponta a que as eleccións serán en outubro ou novembro, cando se esgote o actual mandato.

Comentarios