Pedro Sánchez equipara “independentismo” a violencia de xénero ou desemprego

O novo líder estatal d@s socialistas fala de “palabras que indignan” e entre elas inclúe unha posición ideolóxica ao mesmo nivel que un delito. Defende o pagamento da débeda e reivindica os gobernos de Felipe e Zapatero.

O novo líder do PSOE, Pedro Sánchez, comezou a súa etapa como secretario xeral da formación co discurso máis españolista que se lembra nun PSOE onde non é complicado atopalos, pero que subiu un chanzo neste sentido -xusto cando toma o mando por detrás a andaluza Susana Díaz, moi achegada no territorial ao ideario de José Bono ou Paco Vázquez- no primeiro discurso de Sánchez unha vez confirmada a súa vitoria no Congreso do Partido, cun 14% de voto de castigo, após vencer nas primarias.

A nova cara d@s socialistas no Estado equiparou o independentismo coa violencia de xénero, nunha frase que xa está a provocar unha enorme polémica, posto que sitúa no mesmo nivel a unha lexítima posición ideolóxica e un delito penal. “Traballarei para desterrar palabras que nos indignan a todos, como crise, pobreza, desigualdades, traballo precario, paro, decadencia institucional, violencia de xénero e independentismo”, afirmou Sánchez, entre aplausos d@s presentes.

Sánchez lanzou un discurso españolista que coincide co momento en que o poder auténtico no PSOE é de Susana Díaz, moi achegada no territorial ás ideas de José Bono ou Paco Vázquez

Ademais, o líder socialista tamén defendeu que o seu partido non sexa “anticlerical” malia que pediu revisar acordos co Vaticano; atacou a todas as formacións -á súa esquerda- que piden unha auditoria da débeda para non pagar a que se considere ilexítima “porque non se debe xogar coas ilusións da xente” e tamén engadiu que lembrará e defenderá cada día os gobernos do PSOE de Felipe González e de José Luis Zapatero, a pesar de que entre amplos sectores da cidadanía e das esquerdas relaciónase directamente a xestión de ambos coas razóns que derivaron na actual crise económica e do réxime de 1978 en xeral.

O primeiro que fará Sánchez unha vez proclamado líder do PSOE será reunirse co presidente do Goberno, Mariano Rajoy, este luns pola mañá.

Comentarios