Pontón afirma que o nacionalismo "vai dar a sorpresa" nas eleccións galegas

A portavoz nacional enfatiza o compromiso do Bloque para ser clave para “derrotar Feijóo e as súas políticas” e ve o momento "de que unha muller sexa presidenta da Xunta".

Ana Pontón_BNG

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reiterou este domingo na entrevista na Radio Galega que teñen “as portas abertas a unha candidatura de nacionalistas, de xente que queira e sinta este país” e que vai ser chave para derrotar o Partido Popular. Lembrou que na Asemblea Nacional do BNG tomouse a decisión polas bases de man aberta para sumar nacionalistas, engadindo que “esa oferta e ese diálogo fan parte do ADN do Bloque”.

A derrota de Feijóo, a quen equiparou con Terminator polo seu poder de destrución, no caso do mandatario galego “arrasando o país”; é o obxectivo no que traballa desde xa o BNG, indicou a portavoz nacional. "O reto que temos é ofrecer aos galegos unha alternativa ás políticas do PP".

“Imos facer un programa electoral para saír a derrotalo”, manifestou, convencida de que os comportamentos electorais non son os mesmos nunhas eleccións estatais que nunhas galegas. “Hai unha base nacionalista, de xente que lle quere a este país, que vai dar a sorpresa nestas eleccións”, afirmou, ao tempo que indicaba que o BNG “está preparado” para as eleccións sexan cal for a data que escolla finalmente Feijóo. Mesmo apontou que “é tempo que unha muller sexa presidenta da Xunta”.

Na entrevista, e a preguntas do locutor, Pontón lamentou que “non haxa unha voz nacionalista que nos defenda” no Congreso e aseverou que a estratexia de PSOE e Podemos após as eleccións do 20 de decembro non tiña como finalidade principal botar ao PP senón cuestións de poder de ambos os dous partidos.

Comentarios