Pontón lamenta que non se aproveitasen estes catro meses de lexislatura para derrogar reforma laboral e Lei Mordaza

A portavoz nacional do BNG reuniuse co secretario xeral da CIG, Suso Seixo, nunha xuntanza para analizar a situación laboral e social. Seixo denunciou as políticas que sitúan a clase traballadora “nos límites” da pobreza.

Ana Pontón_BNG
photo_camera Ana Pontón [Imaxe BNG]

Ana Pontón lamentou que as forzas políticas, “vellas e novas”, non aproveitasen estes catro meses transcorridos desde as eleccións do 20D para derrogar medidas como a Lei Mordaza ou a reforma laboral. A portavoz nacional fixo estas declaracións após a xuntanza que manteu cunha delegación da CIG encabezada polo seu secretario xeral, Suso Seixo, e na que analizaron a situación social e laboral do país. Pontón sinalou que, “en vez de tanto teatrillo”, esas forzas farían mellor se se centrasen na anulación desas normas e medidas que supoñen prexuizos e ataques á maioría social.

“As eleccións van ser unha oportunidade para asinar a carta de despedimento de Feijóo”.

Os datos da EPA, que sitúan Galiza como líder no aumento do paro no primeiro trimestre e en destrución de emprego, é o mellor exemplo para a portavoz nacionalista de que “atopar traballo en Galiza é misión imposíbel”. Convidou Feijóo a se baixar “do coche oficial” e “pisar a realidade”, que nada ten a ver coa que publicita o PP e a Xunta. Ana Pontón fixo un chamamento a tomar parte nas mobilizacións do Primeiro de Maio e reiterou que as eleccións son a oportunidade “para asinar a carta de despedimento de Feijóo”.

Responsabilidades

A derrogación das reformas laborais e da Lei Mordaza é o lema das 13 mobilizacións da CIG que este Primeiro de Maio percorrerán Galiza. Lembrouno Suso Seixo na súa comparecencia após a xuntanza co BNG. “É fundamental acabar con elas”, dixo, ao tempo que criticaba as consecuencias na maioría social das políticas aplicadas durante estes anos.

“Para ter futuro, precisamos soberanía”

Explicou que en Galiza hai 180.000 persoas que cobran 2.000 euros anuais e que figuran como asalariadas e non desempregadas e denunciou como coa crise aumentou a temporalidade e precariedade, así como figuras como os autónomos economicamente dependentes.

“Feijóo e o seu goberno están secuestrados polas políticas dos grandes intereses económicos”, manifestou, e defendeu a necesidade de que Galiza teña soberanía como única vía para “ter futuro”. Neste sentido, Seixo incidiu na “unidade do nacionalismo”.


 

Comentarios