18-F

Pontón pide "concentrar" no BNG o voto de quen quere "cambio": "Dispersalo é un favor ao PP"

A líder do BNG alerta das "mensaxes desmobilizadoras" que, di, chegan "dos de sempre".
Ana Pontón en rolda de prensa. (Foto: Europa Press)
photo_camera Ana Pontón, hoxe, en rolda de prensa. (Foto: Europa Press)

A candidata do BNG á Presidencia da Xunta da Galiza, Ana Pontón, apelou á cidadanía galega que "quere cambio" en San Caetano a "concentrar" o voto na formación nacionalista porque "un goberno liderado polo BNG é a mellor lotaría que lle pode a tocar á Galiza" nas eleccións do próximo 18 de febreiro. "Xa temos data para o cambio galego", proclamou, nunha comparecencia ante os medios nun hotel de Santiago esta sexta feira, un día despois de coñecerse a convocatoria de eleccións para o 18-F.

Arroupada por varios membros da executiva nacionalista, entre eles a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o deputado no Congreso, Néstor Rego, Pontón incidiu na mensaxe de que o Bloque representa a opción política para a "nova maioría imparábel" que, di, existe na Galiza e que quere pór fin á etapa do PP na Xunta. "Quero dirixirme aos que non se conforman con malo coñecido, os que queren unha Galiza mellor, que avance e progrese", aseverou a candidata á Xunta, que insisitiu en que o BNG "sae a gañar" para converterse na primeira muller da historia en converterse en asumir a Presidencia do Goberno galego.

Pontón sinalou que a Xunta tivo até a data seis presidentes, "todos homes e de forzas estatais" e que "é evidente que non lograron conseguir situar Galiza no lugar que merece". "Á Galiza vaille ir mellor cunha presidenta do BNG", sentenciou, antes de incidir en que o país "merece" un goberno liderado por unha muller á fronte dun "proxecto sólido, con ideas de transformación e a capacidade para levalas adiante".

Após incidir en que "a mellor combinación" para Galiza é ter unha presidenta "coas mans libres" dirixindo un "proxecto común de país", Pontón vaticinou que "as batallitas madrileñas" serán "trasladadas" á campaña da galegas polas forzas estatais. "Non merecemos que se traslade aquí a crispación madrileña", aseverou, para, a continuación, afirmar que extrapolar os debates estatais á política galega "demostra que Galiza é o menos importante" para PSOE e PP.

Neste sentido, subliñou que as eleccións do 18 de febreiro "non van de (Pedro) Sánchez e de (Alberto Núñez) Feixoo" senón que "van de poder avanzar" desde Galiza para "deixar atrás" 14 anos de "retrocesos" e "recortes" en sanidade ou servizos públicos. Pontón lembrou que hai catro anos os galegos deron "a confianza" ao BNG para situalo á fronte da oposición. "E agora temos a posibilidade de liderar o goberno", apostilou.

Así as cousas, Pontón alertou das "mensaxes desmobilizadoras" que, di, chegan "dos de sempre". "Imos escoitar aos de sempre que non, que non hai nada que facer na Galiza, que non é posíbel un cambio", dixo, antes de apelar a combater aos "predicadores do non" que buscan "desmobilizar". Para a nacionalista, esa é a "principal baza" que haberá nestas eleccións para tratar de "parar o cambio", polo que animou a facer fronte a este dicurso "desmobilizador" e, deste xeito, "concentrar o apoio no BNG", a "garantía" de que exista un goberno na Xunta con capacidade para "mellorar a vida" dos galegos.

Carta á militancia

Sobre estas ideas de que o "cambio político é real" e que o BNG é a vía para plasmalo nas urnas que expresou na mañá desta sexta feira incide a carta á militancia do Bloque remitida pola dirección nacionalista, que chama ás bases frontistas a aproveitar a oportunidade de "facer historia". "Os datos internos que temos confirman que a maioría da sociedade galega quere un cambio na Xunta, e que Ana Pontón e o BNG son a referencia dese cambio", sinala a misiva, na que apela as e os seus militantes a esforzarse en trasladar a idea de que o BNG representa a opción do "voto útil".

Así, inicide en que "dispersar o voto" supón "facerlle un favor ao PP", polo que insta as bases a traballar nunha campaña que será "intensa" para incrementar os apoios a unha forza que se ve "á alza" e que cre que "xera confianza, ilusión e ofrece seguridade e solvencia". "Necesitamos que toda e cada unha das militantes activédesvos nesta campaña, que non quede ninguén sen contactar, que non se aforren esforzos para un obxectivo que é necesario e urxente para o noso país: abrir un tempo novo e pór en marcha unha Galiza viva, xusta, forte e con futuro", conclúe a carta do BNG ás súas bases.

Comentarios