O PP non quere saber o custo real da venda de NGB

Os votos populares impiden que o Parlamento solicite a doumentación sobre a que se fundamentou a venda de Novagalicia banco, unha operación na que o contribuínte perdeu 10.000 millóns de euros, segundo calcula Francisco Jorquera.

O PPdeG votou en contra de solicitar a documentación en abse a cal se decidiu e fundamentou vender Novagalicia Banco, proceso polo que esta entidade xurdida da fusión das caixas galegas foi mercada polo banco venezuelano Banesco. Para o Partido Popular non hai razón para pedir eses papeis pois dubidan, e así o expresou o seu portavoz Pedro Puy, que “puidera facerse un negocio mellor que este”. Algo que non conveceu a oposición, nomeadamente BNG, responsábel da iniciativa. Francisco Jorquera dixo que o prezo oficial da venda no ano 2013 “foi de 1.003 millóns de euros” cunhas garantías a favor do comprador moi superiores ao prezo da venda e froito diso, “no primeiro exercicio de Abanca superou o prezo da venda”. Esta operación supuxo “perder para o contribuínte 10.000 millóns de euros” nun proceso de venda acelerada”.

Ademais, engadiu,  o que fora presidente de NGB, José María Castellano, afirma que se en vez de privatizar a entidade financeira se tivese agardado tres ou catro anos, “o Estado podería recuperar o diñeiro destinado ao seu saneamento”, o que contradí a tese oficial da Xunta que sempre xustificou a venda anticipada como mellor opción.

Antón Sánchez (AGE) criticou a actitude do PP e da Xunta, sinalando que “pedirlles transparencia é moito pedir” e reprochou o escurantismo de toda a operación: “para facer estafas deste estilo o normal ´é procurar que a xente non entenda o que está a facer”.

Comentarios