PP, PSOE e Cs impedirán que as confluencias teñan grupo parlamentar propio

Adiantan que rexeitarán que En Marea, En Comù Podem e 'Á Valenciana' teñan grupo de seu após o 26X, tal e como xa fixeron o 20D.

En Marea_Congreso

En Marea non terá grupo parlamentar propio após as eleccións do 26 de xuño, como tampouco En Comù Podem nin 'Á Valenciana' (a marca de Compromís, Podemos e Esquerra Unida para estes comicios). Así o afirmaron fontes das direccións do PP, PSOE e Ciudadanos a El País. Volverase, pois, ao mesmo escenario que se deu após os comicios do 20 de decembro, e nos que a maioría da Mesa do Congreso negou esa posibilidade de grupo parlamentar de seu ás confluencias.

O 13 deste mes rexistráronse as coligazóns para os comicios de xuño, entre elas En Marea, En Comú Podem e 'Á Valenciana'. Mais PP, PSOE e Cs consideran que non poden ter grupo parlamentar pois non compiten con Podemos nos seus respectivos territorios, senón que o partido de Pablo Iglesias fai parte delas. É o argumento mantido pola Mesa para dicir non a estes grupos parlamentares na anterior lexislatura.

Anova, integrante de En Marea, é partidaria de concorrer como partido instrumental o 26X, pois así, sostén, si que se garantiría ter grupo de seu para a coligazón galega. Mais Podemos e EU rexeitan esa vía e optan por concorrer na mesma fórmula que no 20D. Voces de En Marea expresaban estes días nos discursos a esperanza que o 26X saíse das urnas unha representación do Congreso que permitise que houbese na Mesa unha maioría favorábel a que as confluencias puidesen ter grupo propio.

Comentarios