O proceso MIR cristaliza en Xeira: ''Somos a Mocidade Comunista Galega''

O Congreso constituínte desta organización, nada das cinzas de Adiante, decorreu no barrio vigués de Teis sob o lema 'Da loita da mocidade ás filas da Revolución'. Reclámanse nas loitas polo socialismo, a liberación nacional e contra o Patriarcado. 

xeira
photo_camera Congreso constituínte de Xeira

Adiante, a organización xuvenil vinculada á FPG ergueu no outono o puño pechado en sinal de despedida, poñendo fin a unha década de existencia. Unha decisión esta que permitiu o impulso do denominado Proceso MIR, proceso co cal “impulsar asembleas” polas comarcas de Galiza e “fortalecer as posicións independentistas e comunistas organizadas”.

Ese proceso ven de callar neste mes de decembro co nacemento de Xeira, que se define como a organización da mocidade comunista galega. O barrio vigués de Teis (“lugar que ten un especial significado para o comunismo independentista por ser onde residiu o noso histórico camarada Moncho Reboiras, e berce tamén do líder obreiro Abelardo Collazo”) foi o escenario. O lema baixo o que decorreu o Congreso constituínte: 'Das loitas da mocidade ás filas da Revolución'.

UPG, PGP, PCLN

Nese Congreso, Xeira reclamouse herdeira de “todas as loitas que supuxeron avances para o xénero humano, especialmente a loita polo socialismo e en contra da colonización dos pobos”. Un combate o que engaden “a loita contra o Patriarcado” e pola igualdade real.

Reclámanse mozos “dispostos a asumir que aínda viven en nós o legado da URSS, Cuba, Vietnam”. Reclámanse herdeiros da UPG dos anos 60 “que misturou maxistralmente o marxismo e a liberación nacional”, e din que no seu ADN están gravados o Partido Galego do Proletariado e o Partido Comunista de Liberación Nacional (PCLN). Na intervención no Congreso cualifican á FPG de “o noso partido irmán”.

Asaltar os ceos

“Pretendemos construír unha ferramenta sólida e forte, para que a mocidade coma parte da clase obreira tome o ceo por asalto, camiñando conxuntamente coa nosa organización irmá, a FPG, baixo os parámetros de independencia, socialismo e feminismo”.

Comentarios