Luz verde a 156 das 296 emendas

A Asemblea do Bloque aproba unha proposta de resolución favorábel ao reintegracionismo

A Asemblea Nacional do BNG aprobou propostas de resolución de apoio ao proceso soberanista catalán; sobre a dimensión internacional da lingua galega; en apoio ao Sáhara, Palestina e Curdistán e de lembranza e recoñecemento a quen loitou en Xove. A respeito das emendas, aprobáronse 156 de 296 presentadas.

AN
photo_camera [Imaxe: Xaquín Soliño]

Na sesión vespertina da asemblea nacional do BNG deste domingo aprobáronse as propostas de resolución sobre Catalunya; o Sáhara, Palestina e Curdistán; sobre o galego e sobre Xove. A respeito do proceso soberanista catalán, o BNG denunciou a “actitude autoritaria e profundamente antidemocrática do Estado español”. Máis unha vez, a organización frontista expresou “a plena solidariedade co pobo catalán e o total apoio ao proceso para a independencia de Catalunya”.

En relación a Xove, e cando se fan os 40 anos da primeira e histórica marcha antinuclear que partiu de Viveiro, a formación nacionalista recoñeceu “a vontade de loita e a determinación do pobo galego”. Apelou  á “capacidade mobilizadora do pobo organizado para confrontar con intereses políticos e económicos moi poderosos e antagónicos coas necesidades da maioría social da nosa nación”.

Sobre a lingua, o BNG salientou que “o nacionalismo asume como propio o obxectivo reintegracionista” e apostou en incrementar as relacións cos países lusófonos. Chamou a “aproveitar a dimensión internacional da nosa lingua”.

E, por último, a respeito do Sáhara, Palestina e Curdistán, o BNG defendeu o “dereito inalienábel de autodeterminación dos pobos” e o dereito que teñen os pobos saharauí, palestino e curdo a decidiren libremente o seu futuro”. “Exiximos que os Estados ocupantes poñan fin ás agresións e demandamos da comunidade internacional que faga cumprir os acordos e resolucións internacionais e das Nacións Unidas para que os pobos saharauí, palestino e curdos poidan exercer o dereito democrático de autodeterminación”, sinalouse nas propostas de resolución.

Emendas aprobadas

Fontes da organización consultadas por Sermos Galiza afirman que o plenario aprobou un total de 156 emendas das 296 presentadas ás teses políticas, aprobadas con 96,8% dos votos.

Comentarios