O PSdeG desmárcase dunha declaración institucional do Parlamento contra o bloqueo a Cuba

PP, En Marea e BNG apoiaban o texto, que solicitaba a fin desta medida que se mantén desde hai case 60 anos sobre a illa.

Pleno do Parlamento galego, 22 de febreiro de 2017.
photo_camera Pleno do Parlamento galego

Unha declaración institucional do Parlamento de Galiza para rexeitar o bloqueo a Cuba e pedir o fin deste embargo que se mantén sobre a illa desde hai case 60 anos ficou en nada ao se desmacar o PsdeG dun texto que tiña o apoio de PP, En Marea e BNG. Isto é o que afirman desde a Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil. A posición dos socialistas é máis sorprendente se temos en conta que hai escasos días o presidente español, Pedro Sánchez (PSOE) anunciou unha visita a Cuba.


Desde a Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil informan que a declaración da Cámara galega enmarcaríase na solicitude realizada por unha campaña internacional pola fin do bloqueo e que “ coincide plenamente co voto masivo da Asemblea Xeral da ONU a prol do levantamento” do embargo. 


Segundo este colectivo, o portavoz parlamentar socialista tamén marcou distancia en relación coa anunciada visita de Pedro Sánchez á Cuba, e mesmo co anterior pronunciamento do Parlamento Galego contra o bloqueo. “Daquela, eu non estaba no Parlamento”, comentou Leiceaga, sempre segundo esta versión. Leiceaga terá proposta unha transacional mais esta foi desbotada pola Villamil por entender que o seu contido era 'humillante' para Cuba.

Comentarios