O PSOE galego busca recursos legais para fuxir da Operación Pokémon

Méndez Romeu evidencia a táctica da súa formación ao sinalar aos supostos “defectos de forma” no caso xudicial no que están involucrados, entre outros cargos socialistas, os alcaldes de Lugo e Ourense.

Méndez Romeu
photo_camera Méndez Romeu

O portavoz parlamentar do PSOE galego, José Luís Méndez Romeu, considerou que existen "evidencias" de que "polo menos" parte da instrución da Operación Pokémon "podería estar incorrendo en defectos de forma que poderían ter consecuencias procesuais", deixando así claro que a súa formación buscará recunchos legais polos que fuxir das responsabilidades políticas que afectan a moitos cargos seus, entre eles os alcaldes de Lugo e Ourense.

O voceiro parlamentar do PSOE reduce a "problemas persoais de Carlos Príncipe" as denuncias de posíbeis irregularidades no concello de Vigo

Nunha entrevista concedida a Radio Nacional de España (RNE), o dirixente socialista manifestou que "dous anos despois do inicio" desta investigación que afecta a varios municipios galegos "parece que non hai un rumbo claro" e que "hai demasiados fíos colaterais abertos". Con todo, preguntado sobre a petición da xuíza que instrúe o proceso, Pilar de Lara, das contas do PSdeG de Santiago, A Coruña e Ribeira para investigar si se deron pagos da empresa Vendex a políticos a cambio de favores, Méndez Romeu asegurou que o Partido Socialista "está a disposición da xuíza para achegar canta información necesite".

Ademais, o portavoz socialista negou calquera problema no concello de Vigo, onde xa hai un socialista imputado e denuncias de posibles irregularidades por parte do Goberno de Abel Caballero, e limitou esas informacións a "un problema persoal" do ex-alcalde Carlos Príncipe co actual rexedor.

Comentarios