A reforma da lei do aborto aprobarase "antes de rematar o verán"

O Consello de Ministr@s podería dar luz verde ao anteproxecto de lei de reforma esta sexta feira (25 de xullo). A Plataforma galega en defensa do dereito ao aborto mantén a #AlertaFeminista. 

O ministro de xustiza español, Alberto Ruíz Gallardón, afirmou esta segunda feira (21 de xullo) que o anteproxecto de lei para os dereitos do concibido e da muller grávida xa está listo para ser aprobado polo goberno. 

Se ben Gallardón non indicou cando será debatida a reforma no Consello de Ministr@s, afirmou que se producirá "antes de rematar o verán". O ministro mesmo frivolizou coa data afirmando que "o verán remata en setembro". Inquirido pol@s xornalistas acrecentou que, para el, o fin do estío é "o mesmo que para o servizo de meteoroloxía e non sei que día exactamente é mais coido lembrar que é setembro", dixo entre risos e bricandeiras.

Gallardón frivolizou coa data afirmando que "o verán remata en setembro" de acordo co "servizo de meteoroloxía"

Con esta actitude, que foi duramente criticada nas redes sociais polas organizacións feministas, Ruíz Gallardón encara o proceso lexislativo da reforma da lei do aborto deseñada polo seu goberno. Un anteproxecto de lei presentado hai 7 meses e que fará involuír o marco xurídico español para alén de 1985. 

De acordo co almanaque político ficarían dúas sextas feiras antes de rematar o curso, a do 25 de xullo e o Consello de Ministr@s do 1 de agosto, mais neste último prevese a presenza do presidente Mariano Rajoy. Desde esta perspectiva todo apuntaría a que a lei podería aprobarse o Día da Patria. Desde a Plataforma Galega polo dereito ao aborto lembran que continúa a #alertafeminista e as horas e lugares en que se convocan mobilizacións após aprobar o execuivo a reforma. 

  • Vigo: Farola de Urzáiz 
  • Corunha: Obelisco 
  • Pontevedra: Praza da Peregrina 
  • Compostela: Diante do Parlamento. Caso de for o 25 de xullo a convocatoria pasaría a ser na Porta Faxeira (entrada da Alameda) ás 14.30.
  • Ourense: Subdelegación do Governo 
  • Ferrol: Praza do Concelho 
  • A Mariña: diante do Concello de Ribadeo 
  • Lugo: Praza Maior

A nova lei

As principais mudanzas que introduce o anproxecto de lei que Ruíz Gallardón di ter xa rematado penalizará o aborto agás nos supostos de violación e de graves prexuízos físicos ou psicolóxicos para a muller. Fica excluído do texto o suposto de malformación, no entanto, desde o Ministerio de Xustiza aseguran que procurarán unha outra fórmula que permitiría interromper o embarazo nestes casos. 

Así as cousa isto só será posíbel se o acreditaren dous profesionais sanitarios que deberán aprobar un mesmo informe --e non dous como prevía o goberno inicialmente. Desta maneira, a decisión das mulleres que desexen interromper a súa gravidez ficará submetida a un longo percorrido burocrático. 

Segundo afirmou o propio Alberto Ruíz Gallardón o goberno español quer, así, rematar co "caixón de xastre" que, ao seu entender, supuña na lei de 1985 o suposto de prexuízos psicolóxicos. 

No caso das mulleres menores de idade que decidan interromper o seu embarazo deberán contar coa autorización d@s proxenitor@s. De existir conflito será a xudicatura a que decida. 

Comentarios