Rianxo declárase contrario ao TTIP e denuncia o seu impacto negativo nas economías locais

O concello barbanzán destaca os efectos preduxiciais do acordo sobre sectores chaves na comarca, como o do mar. Xa son máis dunha ducia os municipios galegos que se declara “territorios libres” do TTIP

O Campo (Praza de Castelao), Rianxo
photo_camera O Campo (Praza de Castelao), Rianxo

Rianxo declárase concello contrario ao Tratado de libre comercio entre a Unión Europea e Estados Unidos (TTIP), sumándose así á lista de municipios galegos que se declaran “territorios libres” a respeito dun acordo que cada vez suma máis críticas e é cuestionado por máis sectores. Consígueo á segunda, pois unha moción presentada polo BNG, que goberna o concello desde 2011, en novembro de 2014 non atinxira o apoio necesario no Pleno. Desta volta, a moción de Rianxo en Común si que tivo o apoio preciso.

Entre os argumentos que se poñen sobre a mesa por parte do Concello rianxeiro para rexeitar este acordo está o de que “sectores chave da economía local de Rianxo como é a produción mexilloeira serían afectados coa supresión de controis ás importacións o que supón se cabe aínda máis facilidades aos produtos foráneos que terían as portas abertas competindo en desigualdade. Ou a entrada masiva de sementes, produtos tranxénicos, pesticidas, fertilizantes, que se beneficiarían da menor protección americana e verían a súa entrada libre en Europa”. Fai así Rianxo unha defensa dun dos alicerces da súa economía, o mar, e alerta do impacto prexudicial que terá para as economías locais da costa galega este tratado.

Argumenta, ademais, que o acordo está a se negociar cun “escurantismo impropio dunha democracia” e lembra que son moitos os concellos de todo Europa “que se están a unir contra esta nova ofensiva neoliberal que subordina a autonomía municipal (e mesmo dos parlamentos e do resto das administracións) aos lobbies das grandes industrias”. 

Pontevedra, Compostela, Lugo...

Pontevedra, Compostela, Lugo, Baños de Molgas, Barbadás, Nigrán, Narón, Ames, Gondomar, Ribadavia, Entrimo... Son os concellos galegos que – segundo a plataforma 'No al TTIP'- aprobaron mocións para se declarar territorios libres de TTIP e rexeitar así o tratado de libre comercio entre EUA e UE. En Europa son 1.200 as vilas e cidades que fan parte desta iniciativa, 140 no Estado español. E máis de tres millóns de persoas en Europa asinaron contra este tratado. Vén de poñer o ramo o encontro que estes días decorreu en Barcelona e que reuniu a algunhas desas cidades e concellos, que lembran que este tratado ameaza a soberanía dos municipios en non poucos aspectos.


 

Comentarios