Rocío de Frutos, nomeada portavoz de emprego do grupo parlamentar socialista no Congreso

A deputada do PSdeG por Ourense foi unha das 8 parlamentares do PSOE que votaron non a Rajoy (tamén votaron contra a investidura do líder conservador os 7 escanos do PSC). Aquela decisión custoulle a portavocía adxunta de emprego no grupo socialista no Congreso. Agora, após o retorno de Sánchez á secretaría xeral, De Frutos re-emerxe e é nomeada portavoz titular desa carteira.

Rocio de Frutos. Deputada PSdeG no Congreso por Ourense.
photo_camera Rocio de Frutos

De Frutos, inspectora de traballo en excedencia, soubo do seu nomeamento esta mañá na reunión do grupo parlamentar do PSOE no Congreso. O anterior titular da portavocía, o guerrista Rafael Simancas, pasa a facer parte da dirección da bancada socialista, co cal deixa vacante o posto que agora pasará a ocupar a parlamentar do PSdeG.

O nomeamento é un premio político de Sánchez a unha das persoas que maior lealdade lle mostraron desde primeira hora, desde o momento traumático en que o economista madrileño se viu forzado a demitir nun tensísimo Comité Federal do PSOE unha vez que a súa proposta de convocatoria dun congreso extraordinario fora rexeitada pola maioría do máximo órgao do partido.

Naquel momento, De Frutos foi unha das 8 parlamentares do PSOE -entre elas Margarita Robles, agora promovida a portavoz do grupo- que se mantivo acarón de Sánchez e que levou a súa fidelidade até o ponto de rachar a disciplina de voto na investidura de Rajoy.

Nas primarias do 21M, De Frutos foi unha das máis entusiastas valedoras de Pedro Sánchez. No congresiño posterior á votación da militancia, a candidatura que encabeza na circunscrición de Ourense conseguiu derrotar, por un axustado resultado, a lista susanista, respaldada polo núcleo de fieis a Pachi Vázquez.

Comentarios