Sumar Galicia propón garantir unha unidade de saúde mental en todos os centros de saúde e un plan xuvenil

sumar foto europa press
photo_camera (Foto: Europa Press)

O deputado no Congreso de Más Madrid-Sumar Íñigo Errejón e a candidata á presidencia da Xunta da Galiza por Sumar, Marta Lois, deron a coñecer este sábado, Día Mundial da Loita contra a Depresión, en Santiago de Compostela, algunhas das propostas da formación en materia de saúde mental, entre as que destacan activar plans xuvenís ou garantir a existencia dunha unidade en todos os centros de saúde.

Trátase dun tema que consideran "verdadeiramente importante" e para o que tamén demandan crear protocolos obrigatorios de coordinación entre o ámbito sanitario e educativo.

No marco da reunión presencial dos grupos de traballo de ‘Proxecto de País’, Íñigo Errejón declarou que "non se pode permitir que unha persoa ao día se quite a vida", xa que unha sociedade avanzada non o pode asumir "coma se fose un dato meteorolóxico". Por iso, Sumar Galicia quixo manifestar o seu compromiso "cun tema do que moitos non falarán en precampaña nin en campaña electoral".

Ademais, Errejón afirmou que a saúde mental é un tema que ten que ver coa clase social e que "fai falta un goberno na Xunta comprometido con que a saúde mental sexa un dereito para todos, non só para aqueles que poden pagalo".

Pola súa parte, Marta Lois explicou as propostas que elabora Sumar no marco da saúde mental. A primeira baséase en garantir a existencia dunha unidade de saúde mental en todos os centros de saúde, para garantir unha boa atención, polo "dereito universal á atención en saúde mental, que debe ser integral", sobre todo para os máis novos, engadiu.

A segunda proposta do partido é o reforzo dos equipos profesionais das Unidades de Saúde Mental Infanto-Xuvenil, incorporando un novo servizo de acompañamento ás familias, nenos e adolescentes despois dos ingresos ou crises e no tránsito á escola e ao fogar. Un modelo "comunitario e multidisciplinar" que incluirá visitas domiciliarias, seguimento escolar e apoio na reintegración ao ámbito escolar e familiar, "para que a atención á saúde mental non se limite a ir a consulta".

A terceira proposta será unha extensión da atención á saúde mental infanto-xuvenil até os 18 anos, posto que actualmente é até os 15 anos, e tras a pandemia os datos son "arrepiantes".

Na parte educativa, dotarán os equipos de orientación con novos perfís profesionais para traballar na prevención e exercer de mediadores entre a comunidade educativa e a sociedade, atendendo "unha demanda histórica das Ampas e o profesorado".

Comentarios