Crise dos pellets

Sumar demandará a Xunta por "non exercer as súas competencias" ante a vertedura de pellets

Marta Lois salientou que hai un protocolo do plan de activación de continxencia que "non se activou no seu debido momento" e que se tardaron "semanas en activar o plan de continxencia, que é unha competencia exclusivamente autonómica".
Marta Lois, na sala de prensa do Congreso. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)
photo_camera Marta Lois, na sala de prensa do Congreso. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)

A portavoz de Sumar no Congreso e candidata da formación á Presidencia da Galiza, Marta Lois, anunciou hoxe que Sumar vai demandar a Xunta "por inactividade" e "por non exercer as súas competencias autonómicas" ante a vertedura de pellets fronte ás costas de Portugal que chegaron ao litoral galego. Na rolda de prensa ofrecida na Cámara Baixa tras a reunión da Xunta de Portavoces, Lois mostrou a súa preocupación "con todo o que está a pasar na Galiza".

"Desde hai practicamente un mes, produciuse unha vertedura nas costas galegas que está a ter un alcance moi grave e moi preocupante, con millóns de pellets, de bólas de plástico, que chegaron ás costas galegas e que neste momento están a alcanzar tamén a costa asturiana", explicou. Ante esta situación, a portavoz puxo en valor o traballo que fixo estes días Sumar para "denunciar a falta de transparencia, a ocultación, a falta de xestión do Partido Popular e do señor Alfonso Rueda, presidente da Xunta".

Marta Lois salientou que hai un protocolo do plan de activación de continxencia que "non se activou no seu debido momento" e que se tardaron "semanas en activar o plan de continxencia, que é unha competencia exclusivamente autonómica". Ademais, engadiu que investigadores como Fernando Valladares, do CSIC, falan de que "esta crise ecolóxica que chegou ás costas galegas constitúe unha auténtica bomba de reloxería".

"E nós preguntámonos a que espera o señor Rueda para actuar, para que se remangue e para que active todos os mecanismos, recursos e coordinacións que unha situación como esta necesita", dixo Lois, que lembrou que Sumar xa pediu a dimisión do conselleiro do Mar, Alfonso Villares, "un dos principais responsábeis de mentir aos galegos e galegas durante estas semanas".

Sumar decidiu demandar a Xunta "pola falta de exercicio das competencias que están precisamente reguladas no Estatuto de Autonomía e, sobre todo, desenvoltas no Decreto 135/2016, un decreto que habilita para a activación do Plan Territorial de Continxencias de contaminación mariña". Por outra parte, Sumar enviou unha carta ao Goberno galego hoxe, dirixida á Consellaría do Mar, para exixir que "actúen de inmediato, esixir que apliquen todos os protocolos, que habiliten a coordinación coas persoas que neste momento enna Galiza, voluntarias e voluntarios, afortunadamente están a dar unha vez máis unha elección" no Estado español.

"Toda a falta de xestión, os erros, a inacción lémbranos lamentablemente o que ocorreu na Galiza durante o Prestige. Están a repetirse os mesmos erros, está a repetirse a falta de xestión e, en cambio, a sociedade galega, as galegas e os galegos, os voluntarios e voluntarias están a dar unha lección novamente na Galiza e ao señor Rueda", manifestou.

A portavoz de Sumar instou á Xunta a pedir de "inmediato" medios estatais se os necesita. "Dános a sensación de que non se atreve a pedilos porque neste momento, á parte de mentir aos galegos e galegas, non quere recoñecer a súa falta de xestión", apostilou, para despois agregar que "é tempo de que o señor Rueda deixe de escorrer o vulto e actúe" e que "o importante é preservar o litoral galego".

Tamén tachou de "absolutamente lamentábeis" as declaracións da conselleira de Medio Ambiente, que "dixo que non eran contaminantes e que os pellets, as bólas de plástico e os millóns que se instalaron nas costas galegas non tiñan ningún compoñente tóxico nin contaminante". "En fin, é unha vergoña", remarcou, para pedir que se teñan en canta os estudos científicos que dean conta das posíbeis repercusións na saúde pública.

Comentarios