O terremoto de Ferraz ameaza con ter réplica en Galiza

A xestora galega perde os seus principais valedores, o ex-secretario xeral e o ex-secretario de Organización, Sánchez e Luena, que foron quen a nomearon. Os sectores opostos aos herdeiros de Besteiro velan armas.

Sánchez e Leiceaga en Lugo (Foto: PSdeG)
photo_camera Sánchez e Leiceaga en Lugo (Foto: PSdeG)

O terremoto destes días no PSOE e que tivo o seu clímax este sábado en Ferraz co triunfo de Susana Díaz e a derrota de Pedro Sánchez ameaza con réplicas en Galiza. A xestora que desde hai seis meses dirixe o PSdeG ficou este sábado sen os seus principais valedores, Sánchez e o até de agora secretario de Organización, César Luena, que foron quen a nomearon. E sen eses apoios poucos lle auguran moito futuro. A xestora está integrada polos 'herdeiros' do ex-secretario xeral galego, Gómez Besteiro, un dos soportes do apoio a Sánchez mais cuxa imputación deixouno en fóra de xogo político. Non figuran nese organismo, pois, nin a xente dos sectores de Pachi Vázquez, co peso que teñen en Ourense, nin de Abel Caballero.

A presidenta da xestora, Pilar Cancela, porén, indicou este domingo en declaracións a Europa Press que o mandato deste órgano está "vixente" e manterase até que se faga o congreso do PSdeG e "as correspondentes primarias". Non o ven así desde o sector contrario á xestora, que consideran que a situación actual é "insostíbel".

O proceso de primarias para elexir candidato ás eleccións galegas e a configuración das listas provinciais para o 25S non fixo máis que alargar a fenda que existe entre estes dous 'bandos' do PSdeG. O que este sábado decorreu a 600 quilómetros de Galiza vai marcar as vindeiras semanas do socialismo galego. Unha réplica do terremoto que non só terá réplica na vida organizativa senón que mesmo pode afectar á parlamentar. Leiceaga, candidato do PsdeG, tivo o apoio da xestora mais ese apoio escamoteóuselle desde outros sectores do socialismo galego mesmo durante a campaña.

Valoracións. Do “Punto para o IBEX 35” a “Un día de profunda tristeza”

A demisión de Pedro Sánchez xerou tamén reaccións dos políticos galegos nas redes sociais. Pilar Cancela, presidenta da xestora e o único apoio que tivo Sánchez entre os 11 representantes galegos no Comité Federal afirmou na súa conta persoal de twitter que era “un día de enorme tristeza. O meu recoñecemento e afecto ao até hoxe secretario xeral, Pedro Sánchez. Forza e sorte! Unha aperta”.

Tamén desde o nacionalismo se opinou sobre o acontecido en Ferraz. “Que o PSOE apoie un goberno de Rajoy é síntoma da grave crise do estado e do esgotamento do réximo do 78. Punto para o IBEX35”, escribiu a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. Rubén Cela, membro da Executiva Nacional do Bloque, considera que “no estado español non existe separación real entre lexislativo, executivo e xudicial. Hoxe Ferraz é mostra de que tampouco no político/económico”.

O campo da denominada 'nova política' tamén empregou as redes sociais para unha primeira valoración da demisión de Sánchez e as súas consecuencias. “Mala noticia para Galiza que o PSOE se entegue ao PP. En Marea seguimos contra os recortes e a corruPPción sempre!” puxo Luis Villares, candidato de En Marea, nun chío. “Aquí manda quen manda e despois hai monicreques”, opinou Antón Sánchez, de Anova e deputado de En Marea. Carmen Santos, deputada tamén da maré e secretaria xeral de Podemos, considera que en Ferraz demostrouse que “gañou o PSOE que quer darlle o goberno ao PP”.

Comentarios