ANÁLISE DO TABOLEIRO

O bipartidismo devén tetrapartidismo ou como as forzas estatais controlan a escena

Hai poucas semanas, Pedro Jota Ramírez, factótum da dereita mediática, pedía un Podemos de direitas. Xa o ten. Chámase Cidadáns e, segundo o último inquérito de El País, podería irse ao 8% nunhas eleicións xerais.

albert rivera
photo_camera Capa dun libro do líder de Cidadáns

O demo está sempre nos detalles e nas enquisas, sempre na letra miúda. O recente inquérito de Metroscopia deitaba un dado en aparencia inocuo, mas que leva consigo unha enorme carga de profundidade: a queda do bipartidismo non resulta nun enfranquecimento das ofertas eleitorais de ámbito estatal e, en troca, estas obterían unha porción maior do pastel demoscópico. Do 84,9% do voto obtido polas forzas políticas estatais nas últimas eleicións xerais -bipartidismo estatal imperfeito, PP e PSOE como grandes e UPyD e IU como pequenos- pasaríase ao 89,3% -co bipartidismo transmutado nunha sorte de tetrapartidismo ou de tripartidismo -PP, PSOE e Podemos- con Cidadáns como outsider emerxente, a cabalgar sobre as cinzas de UPyD e IU.

O cambio de réxime que as forzas sedicentemente rupturistas proclaman non resultaría, pois, nunha desespañolización ou no crecimento das forzas políticas soberanistas no conxunto do Estado, senón no fortalecimento do espazo político estatal, da man de Podemos e do Cidadáns de Albert Rivera.

É Cidadáns o Podemos de direitas pola que suspiraba Pedro Jota? Ten todo o aspecto. Certo é que Podemos, segundo análises demoscópicas, está a entrar nos caladoiros do PP, mais existe certo consenso entre politólogos e sociólogos de que estariamos ante un fenómeno conxuntural e que, conforme nos fosemos achegando ao día D, á cita eleitoral, a formación conservadora sería capaz de atraer canda si o groso da súa freguesía, chamada polo voto do medo ante un Parlamento hexemonizado pola esquerda. Dito doutro xeito: moito do voto conservador que fai as beiras agora a Iglesias voltaría a casa no momento da verdade, convocado pola palabra de orde que o bloco reaccionario sabe empregar como ninguén: "ou eu ou o caos".

Pouca solidariedade, praticamente ningunha, se ouviu por parte dos portavoces da esquerda rupturista española -cada vez menos esquerda, cada vez menos rupturista- ante estes ataques contra as nacións sen Estado

Cidadáns é outra cousa. Cidadáns non mete medo. Cidadáns é unha direita moderna, laica, civilizada, e solventemente españolista. Tan solventemente españolista que se forxou no combate contra o nacionalismo catalán. Teno difícil Floriano, eleito estratega chefe do PP para o duplo combate eleitoral de 2015, para descualificar a Cidadáns como alternativa.

Así están as cousas no taboleiro político español, fluídas, como se di na xíria diplomática. O PP marca mínimos históricos nos inquéritos (lembremos: sería terceira forza segundo Metroscopia, co 19%), mas até os propios técnicos demoscópicos de Prisa non acaban de acreditar neses agoiros, sen dúbida condicionados pola ocultación de voto (custa traballo pensar que 4 millóns de ex votantes do partido conservador non vaian comparecer desta volta nas urnas). O PSOE flirtea co fantasma da pasokización. Podemos compite con Syriza e lidera as espectativas demoscópicas. E agora aparece rutilante Cidadáns, dispostos a facerlle unha opa máis ou menos amical a UPyD.

E a periferia? Esa é outra película. Aí o Estado continúa a aplicar as políticas negacionistas de dereitos de rigor, con ofensivas en Euskal Herria (detención de avogados da esquerda abertzale, sentenza do Supremo sobre non cómputo das penas en cadeas francesas), na Galiza (con serias restricións aos dereitos fundamentais do pobo que protesta nas rúas, do pobo que o fai en coordenadas basicamente nacionalistas) e en Catalunya (coa denuncia contra Mas polo 9-N).

Por certo, pouca solidariedade, praticamente ningunha, se ouviu por parte dos portavoces da esquerda rupturista española -cada vez menos esquerda, cada vez menos rupturista- ante estes ataques contra as nacións sen Estado. Talvez porque esa solidariedade, na España española, apenas dá votos e, rupturista ou non, hoxe a esquerda española é, antes que nada, un dispositivo programado unica e exclusivamente para gañar eleicións.

Comentarios