Unanimidade no Parlamento para pedir medidas que impidan a deslocalización de auxiliares da automoción

A proposición non de lei foi presentada polo BNG e logrou o apoio de todos os grupos.

citroen vigo

Unanimidade da Comisión de Industria do Parlamento na defensa do tecido do sector da automoción de Galiza. Todos os grupos apoiaron unha proposta pola que se instaba á Xunta a iniciar xestións perante o goberno central para impulsar medidas contra o proceso de deslocalización e perda de postos de traballo nas empresas auxiliares do sector da automoción no noso país.

O sector da automoción representa case 20.000 empregos directos, dos cales máis de 13.000 corresponden á industria provedora

O texto definitivo que inclúe unha emenda do Partido Popular á proposición non de  lei defendida pola deputada do BNG, Carme Adán: “O Parlamento de Galiza insta a Xunta a promover novas accións conxuntas de colaboración entre as administracións públicas, os centros tecnolóxicos e de coñecemento e  asociacións representativas de  empresas  da automoción para fixar tecido industrial no sector de Galiza e evitar desprazamentos a outras áreas xeográficas habilitando os apoios adecuados en -innovación, emprendemento industrial, internacionalización- para que as empresa melloren a súa competividade, tanto no ámbito local como no ámbito global, e continúen a crear riqueza e emprego en Galiza con vocación de futuro”.

O sector galego da automoción está integrado por PSA Peugeot-Citroën e un conglomerado de máis de 100 empresas auxiliares e proveedoras. A súa facturación anda por volta dos 8.200 millóns de euros. Case 20.000 postos de traballo, dos que uns 13.000 están nesa industria provedora. Mais un terzo do Clúster galego do automóbil está en Portugal, no que algúns denuncian como unha fuga de investimentos.

Comentarios