Vence chama nunha ateigada Praza da Quintana a sumar forzas ‘’en torno ao proxecto nacionalista’’

Unha multitude -20.000 persoas, segundo a organización- secundou a manifestación do BNG, centrada na defensa da soberanía como eixo para reverter o presente e construír un futuro. O portavoz nacional apela a construír unha alternativa “incorporando ideas e persoas” sobre un “proxecto de país”.

GzFoto
photo_camera [Imaxe GzFoto]

Milleiros de persoas, das que “facemos latexar esa outra Galiza que non se resigna”, en palabras do portavoz nacional Xavier Vence, tomaron parte este 25 de Xullo na manifestación do BNG polo Día da Patria Galega. Persoas como Carme, de Marín, con 52 anos, desempregada e acudindo ás mobilizacións do 25 “desde ben nova, cando isto era perigoso”. Ou como Moncho, mecánico da comarca das Mariñas, con trintaepoucos, e que vén con toda a familia (“o pequeno, a compañeira e os amigos de sempre”) a unha manifestación “que é para reafirmar que somos un país, e que o futuro imos afrontalo como un pobo e que non quero que decidan desde fóra por min nin por nós”. Son dúas das por volta de 20.000 persoas, segundo fontes da organización, que tomaron parte na mobilización que percorreu Compostela coa lexenda ‘En pé por Galiza. Soberanía. Democracia. Dereitos’.

"Neste día de festa non estamos todos, faltan máis de 100.000 mozos e mozas, que tiveron que emigrar”, denunciou Alberte Mera

A mobilización arrancou da Alameda de Compostela entre o bourar dos bombos e gaitas da Treboada do Baixo Miño abrindo paso. Un son poderoso e telúrico tras o que desfilou unha xigantesca bandeira da Patria e, a continuación, milleiros e milleiros de persoas procedentes das diferentes comarcas do País. “Cando dicimos soberanía non é algo así, no ar. É ter traballo digno, ter unha vivenda, non ter que marchar fóra nin que os teus fillos falen español porque na escola non lles ensinen outra cousa”. Así se expresaba Carlos de Ourense, empregado da administración pública, outro d@s 20.000 que ateigaron a Quintana

A Galiza sen fronteiras: De Gaza a Glasgow

A mobilización do BNG por ser nacionalista era internacionalista. Bandeiras de Palestina, Euskal Herria, Catalunya, Eire, Escocia, Palestina, Cuba... Aplausos e berros de apoio para todos e cada un dos representantes das delegacións convidadas. Especialmente sentidos para Palestina, emocionando a Fayed Badawi (FPLP) -que estaba no palco- até case as bágoas. 'Palestina Vencerá' ecoou en miles de voces na Alameda, na Praza de Galiza, na entrada á zona vella e na Quintana. 

“Nacimos para ser libres” ao son de Carapaos e Faiscas

A Quintana íase enchendo mentres a música tradicional de Carapaos e Faíscas de Solobeira puñan a banda sonora da música tradicional desde o palco. Os e as participantes na manife do Bloque ían entrando nesta praza do corazón da Compostela monumental entre coros a prol do aborto libre, do galego como idioma nacional, contra o imperialismo, en soliariedade cos traballadores represaliados en Citroën... “Eu estou aquí porque son un obreiro. E sei, porque o vivín, pono aí ben clariño, porque o vivín, que aquí só o nacionalismo mirou por nós”, Carmelo, das Rías Baixas. Bandeira nacionalista no lombo e colante da CIG no peito.

Vence apelou á “necesidade e vontade de avanzar” e reiterou que “estamos abertos a todos os que queiran sumar”

A quenda de intervencións abriuna Alberte Mera, secretario xeral de Galiza Nova, lembrando “que neste día de festa non estamos todos, faltan máis de 100.000 mozos e mozas, que tiveron que emigrar”. Mera enfatizou a necesidade de “mudar o mundo” á vez que lembraba que “este pobo non se vende”. Entre aplausos dos milleiros de participantes, finalizou: “Nacemos para ser libres e non súbditos de España”.

Tomou o relevo Saleta Chao, da Executiva do BNG, cunha intervención na que lembrou a agresión ás mulleres da lei do aborto e a necesidade de desbotar o patriarcado para construír unha Galiza máis soberana. Un “Viva Galiza Ceive e Feminista” puxo o ramo á intervención.

De Herman Hesse ás vitorias populares

Foi, entón, a quenda do portavoz nacional, Xavier Vence, que comezou despregando unha bandeira palestina sobre o atril e botando man do escritor Herman Hesse para denunciar o proxecto sionista como asasino do pobo palestiniano.

Vence denunciou a situación á que a Troika e os gobernos que secundan os seus ditames submeten as maiorías sociais. “Estamos nunha guerra social, na que as grandes empresas seguen a obter beneficios”, afirmou. E engadiu: “O centralismo é tamén parte desta guerra”. Galiza atravesa unha situación difícil e complicada. “Está no límite”, asegurou Xavier Vence, “mais non rendida, porque os nacionalistas galegos non nos resignamos”.

"Galiza está no límite mais non rendida, porque nos nacionalistas galegos non nos resignamos"

E Vence enumerou algunhas desas ‘batallas’ onde os nacionalistas galegos non se resignaron: “contra a LOMCE, a reforma laboral, as peaxes, os despexos, o desmantelamento do naval, os recortes de dereitos ás mulleres ou as agresións ao galego”. E dese compromiso e loita “de todos e todas” saíron vitorias: “Estanmos gañando, aos poucos, a batalla das preferentes, logrouse o parón de Corcoesto”.

A reivindicación nacionalista, “actual e lexítima”

O BNG quere que a “indignación, que é necesaria, vaia máis alá” para se transformar en esperanza e construír un outro futuro para este país. “Esta nación aínda está a tempo de ser outra cousa” dixo Vence citando a Novoneyra. Falou dos procesos en marcha en Escocia e Catalunya como mostra de que as aspiracións e reivindicacións nacionalistas son “actuais e lexítimas”, para defender que Galiza precisa unha ruptura “unha ruptura co centralismo”.

Afirmou que aqueles que decidiron “enguedellarse no discurso federalista” algún día futuro “laiaranse” da súa escolla e chamou a unha “ampla unidade de acción en torno ao proxecto nacionalista”.

Ensanchar a base e incorporar “ideas e persoas”

Vence considera que o proxecto soberanista non é positivo só para nacionalistas, “senón para todos e todas as que queiran vivir neste país”. Por iso o BNG está, lembrou, a impulsar “asembleas abertas en todos os concellos e cidades”, unha aposta por “escoitar” e por “incorporar ideas e persoas”. Defendeu “abrir as portas para ensanchar a base social” mais advertiu contra o perigo e caer “en chamadas de espontaneidade” que varían en función dos días.

Foi, a este respecto, claro. O portavoz nacional dixo que “sen organización con conseguiremos nada” e que en troca “a cidadanía organizada cun proxecto de país pode selo todo”. Apelou á “necesidade e vontade de avanzar” e reiterou que “estamos abertos a todos os que queiran sumar”. E finalizou a intervención lendo a Ramón Cabanillas: “Arredor da bandeira azul e branca / arredor da bandeira (“coa estrela”, engadiu) de Galiza /cantemos o dereito á libre nova vida”. Entón foi o momento en que agromaron milleiros de puños ergueitos na Quintana para cantar o Himno Galego.

Comentarios