Vence pon en valor que máis de 5.000 persoas participaron nas asembleas abertas do BNG

O voceiro do Bloque asegura que a súa formación “non vai participar da fragmentación até o infinito” e recalca que o proceso serve para “compartir un proxecto con forzas políticas propias”.
O Bloque Nacionalista Galego celebrou polo de agora 127 asembleas abertas por todo o país con “máis de 5.000 participantes, o 60% non militantes”, o que a organización nacionalista valora como un proceso que “continúa posto en marcha en setembro baixo o lema de Construíndo Futuro”. “Unha experiencia moi valiosa que reflicte dúas cuestións: que hai moita xente con inquedanza sobre o que está pasando no país e que hai moita xente que ve no BNG o instrumento útil para canalizar esas inquedanzas no plano político”, resumiu o portavoz nacional da formación nacionalista, Xavier Vence “Máis aló das eleccións municipais queremos que serva para reforzar un proxecto político en clave nacional e de esquerda e de transformación social para darlle futuro ao país”, explicou Vence, quen salientou, segundo informa o BNG, “que as asembleas abertas permiten compartir o proxecto do BNG coa base social que quere ter forzas políticas propias e unha alternativa diferente para este país, para as municipais e a máis longo prazo”. As asembleas abertas que convocou o Bloque terán continuidade como “ferramenta dese diálogo permanente coa base social nacionalista e de esquerdas, para canalizar as súas propostas que nos permita fortalecer o proxecto nacionalista”, recalcou Vence, quen avanzou un segundo paso coa creación de grupos de traballo para elaborar o programa electoral das municipais cos participantes nesas asembleas. Así mesmo, o dirixente nacionalista explicou que outro asunto recorrente foi a preocupación por unha “excesiva fragmentación” do voto nacionalista e de esquerdas que beneficiaría ao PP. “Hai esa preocupación e compartímola todos. Este proceso forma parte do esforzo do Bloque por integrar, por sumar propostas e persoas para conformar unha alternativa forte, capaz de ilusionar á maioría social e ser referente ante a oferta centralista de PP e PSOE e ante as políticas da dereita que arrasan co país”, salientou Vence, que rexeitou a “dialéctica da fragmentación ata o infinito dalgunhas organizacións políticas.

Comentarios